Libraría

Suso López presenta o poemario «Non aparecen bicis» na Libraría NUMAX

O escritor e produtor de cinema Suso López presenta Non aparecen bicis acompañado pola poeta Lorena Souto este xoves 25 de abril ás 20h30 na libraría NUMAX. A entrada é libre ata completar aforo.

Non aparecen bicis é o primeiro poemario de Suso López, publicado por Edicións Positivas a finais de 2023. O libro é unha reunión de poemas que transitan polo psicodélico, a natureza e a memoria. Textos podados e reducidos á mínima expresión: sen índice, sen títulos e sen estruturas marcadas; pero con un tono, moitas veces humorístico ou sarcástico, que conecta cada unha das composicións: «Fíos invisibles que saltan de páxina se o lector é capaz de unilos. Senón, permanecen independentes. Ceibes á imaxinación», Marta Mancebo (Xornalista). O debuxo de portada é obra da artista e directora de fotografía Lucía Catoira Pan.

Suso López naceu en Meira no 84. É pai de Adriana e anda en bici. Estudou Enxeñería Industrial e un mestrado en Materiais Complexos, pero curiosamente dedícase ao mundo do cinema en Gaitafilmes, é produtor de filmes como DHOGS, Welcome to ma maison ou Ulises. Tamén traballa no sector agroalimentario e pertence aos grupos musicais Voladura e Os Bluesomes. Dende 2019 participa en obradoiros de escrita creativa e tomou parte en varias publicacións colectivas e recitais de poesía.