Que é NUMAX?

NUMAX foi constituída en 2014 en Santiago de Compostela como unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro formada por persoas procedentes de diversos ámbitos da creación e difusión cultural para facer xuntas o que estaban afeitas a facer por separado.

A súa denominación social está inspirada na loita e experiencia autoxestionaria das traballadoras da fábrica do mesmo nome filmada por Joaquim Jordà.

Naceu como un proxecto de autoemprego baseado nos principios e valores cooperativos, que desenvolve distintas áreas de actividade económica: unha sala de cinema, unha libraría e un laboratorio de deseño gráfico, desenvolvemento web e posprodución de vídeo.

Actualmente as persoas que forman a cooperativa son 14 socias traballadoras, 1 socia colaboradora e 3 traballadoras asalariadas.

Forma parte como socia da unión de cooperativas Espazocoop e da cooperativa de servizos financeiros Coop57. A longo destes anos obtivo numerosos premios e recoñecementos. Está adherida ao Código de boas prácticas das sociedades cooperativas galegas aprobado polo Consello Galego de Cooperativas.

Este proxecto foi posible grazas ao apoio de 182 persoas que avalaron de xeito mancomunado o empréstito que Coop57 nos concedeu para o investimento inicial.

Cinema

O Cinema NUMAX liga a tradición dos cinemas de Arte e Ensaio coas estreas máis recentes e os novos cinemas de Pescuda (Recherche et Découverte), tal e como se están a agrupar na actualidade as salas que tentan anovar de maneira activa as formas cinematográficas e as prácticas culturais.

Laboratorio

A terceira peza de NUMAX é un estudio de deseño gráfico e produción e posprodución de vídeo. O laboratorio NUMAX serve tamén de oficina desde onde se coordina toda a actividade interna da cooperativa e onde se procura a vertebración, creación e renovación constante do proxecto.

Libraría

A Libraría NUMAX conta cunha selección das novidades máis destacadas do panorama editorial, combinadas cun fondo de Literatura, Arte e Pensamento que permite a convivencia entre os distintos títulos do catálogo, de maneira que se creen entre eles diálogos e relacións novas.
O seu funcionamento como libraría virtual axiliza e amplía o noso catálogo físico.