PAPEL E PRATA #01: «Dous oficios da escrita», con Berta Dávila e Álvaro Gago
A escritora Berta Dávila e o cineasta Álvaro Gago inaugurarán a actividade de NUMAX, PAPEL E PRATA, o venres 24 de abril ás 19:00h cunha conversa que leva por título «Dous oficios da escrita». No encontro estarán acompañadas pola xornalista María Yáñez. Esta actividade está comisariada pola Libraría NUMAX e subvencionada pola Deputación da Coruña.
O pasado agosto, Berta Dávila contáballe a Ana G. Liste en Praza Pública que estaba a escribir con Álvaro Gago o guión da súa vindeira película, de título Porto Alegre. Esta colaboración, tal vez na liña doutras figuras da literatura que traballaron tamén no cinema (de Joan Didion e John Gregory Dunne a William Faulkner ou, máis preto, Diego Ameixeiras), permite pensar nas conexións entre ambas artes a través do oficio da escrita. Sexa para o público lector ou o público espectador, a escrita está detrás da construción de personaxes, tramas, escenarios, estruturas e puntos de vista, que se traballan tanto desde a imaxinación como desde a técnica. Porén, as linguaxes son outras e as implicacións tamén cando pasamos dun traballo esencialmente solitario como o da literatura a un atravesado polas achegas creativas colectivas –da interpretación á fotografía ou a dirección de arte– como o do cinema, no que o guión é unha ferramenta de traballo e non unha obra rematada como unha novela. Aproveitando o proceso creativo conxunto de Dávila e Gago, xuntámolos a conversar para comentar que aporta cada un ao labor do outro e explorar os puntos de encontro e diverxencias entre estes dous oficios da escrita.
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é unha das figuras esenciais da literatura galega contemporánea, cunha traxectoria destacada tanto na poesía como na narrativa. No primeiro ámbito, é autora de Corpo baleiro (2007) ou Raíz da fenda (2013), co que recibiu o Premio da Crítica Española. No eido da narrativa, destaca precisamente pola presenza do poético nunha escrita que semella partir das imaxes e as impresións íntimas. Iniciouse neste ámbito con Bailarei sobre a túa tumba (2008) e o libro de relatos A arte do fracaso (2010), aos que seguiu O derradeiro libro de Emma Olsen (2013), Premio Repsol de Narrativa Breve e Premio Ánxel Casal e outra serie de celebradas novelas como Carrusel (2019, Premio García Barros e Premio da Crítica Española), Illa Decepción (2020, Premio Repsol de Narrativa Breve) e Os seres queridos (2022, Premio Xerais de Novela e Premio da Crítica de Galicia), ás que se suma a recente A ferida imaxinaria (2024). A maiores, ten tamén escrito obras de literatura infantil e xuvenil como Un elefante na sala de estar (2022, Premio Jules Verne) e desde 2021 dirixe xunto a Carlos Meixide o selo editorial independente Rodolfo e Priscila.
Álvaro Gago (Vigo, 1986) é cineasta. Formado previamente en comunicación, música ou teatro, estudou cinema na London Film School, na que se graduou coa curtametraxe Curricán, estreada no Festival de Málaga en 2013. A súa traxectoria posterior combinou a docencia e o traballo como editor (en obras como Las pequeñas cosas, de Carla Simón, ou Trote, de Xacio Baño) coas súas propias creacións, de corte realista e con sensibilidade social. Nese ámbito, realizou en 2017 a curtametraxe Matria, gañadora do Gran Premio do Xurado en Sundance e nominada ao Goya. Esta aproximación á cotiandade de Ramona, unha traballadora dunha fábrica de conservas, foi a base da longametraxe debut de Gago, estreada en 2023 e que se converteu nunha das películas galegas máis vistas da historia ademais de recibir a Biznaga de Prata á mellor actriz para María Vázquez no Festival de Málaga. Recentemente, colaborou con Berta Dávila na creación da peza “Cres en fantasmas?”, un episodio sobre as galerías comerciais de Santiago para o programa No seu lugar, outro da plataforma AGalega.
