Cinema

Catro estreas inéditas no mes de marzo d'Os ollos verdes

Os luns do mes de marzo tedes 4 citas únicas co cinema máis arriscado e anovador do ciclo Os ollos verdes. Desde o luns 6 poderedes gozar do premio NUMAX Exhibición do festival Intersección da Coruña con coloquio en liña incluído; a incrible historia dun mito do baloncesto balcánico; e dúas citas co ciclo Historias para contarnos que reinvindica a presenza da muller no audiovisual, en colaboración coa distribuidora Begin Again Films.

Luns 6 de marzo
Super Natural (Jorge Jácome, VOSP, 85 min)
En 2022 tivemos a honra de participar como xurado do Festival Intersección da Coruña onde descubrimos o cinema do portugués Jorge Jácome, unha hipnótica proposta filmada en Madeira cun grupo de teatro de persoas con e sen discapacidades. A sesión contará cun coloquio en liña co seu director.

Luns 13 de marzo
Shooting for Mirza (Juan Gautier, VO, 93 min)
Se che gusta o baloncesto non podes deixar escapar este documental que relata a historia de Mirza Delibašić, un mito do baloncesto europeo dos 80 que durante a guerra de Bosnia tivo que tomar decisións dramáticas na súa vida. Mellor filme asturiano no festival de Xixón 2022.

Luns 20 de marzo
La visita y un jardín secreto (Irene M. Borrego, VO, 65')
Recuperamos a esquecida figura de Isabel Santaló, unha artista poliédrica á que accedemos a través da voz do seu compañeiro de xeración: Antonio López. Un filme sobre o que significa ser muller e artista que se inclúe no ciclo Historias para contarnos da distribuidora Begin Again Films.

Luns 27 de marzo
La revolución bailando (Julia Rebato / Eli Martín, VO, 64')
Documental que percorre a historia de Las Chillers, un grupo musical referente do underground madrileño e da defensa dos dereitos LGTBIQ+. Un filme especialmente recomendado para a igualdade de xénero (ICAA) que tamén participa da iniciativa Historias para contarnos.


Recorda que se es estudante da USC podes acadar 1 crédito ECTS asistindo ás propostas deste ciclo. Ademais, a asistencia aos filmes de Repertorio, como por exemplo o Foco Chantal Akerman, tamén computa para o ciclo. Máis información en [email protected].