Libraría

O escritor Alberto Lema presenta «A boca do río» en NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación da novela «A boca do río» de Alberto Lema, premiada co XLIII Premio Xerais de Novela 2026. Na presentación, que terá lugar o martes 27 de outubro ás 19.00h da tarde, o autor estará acompañado pola escritora Berta Dávila e o editor Fran Alonso.

Na Galicia da posguerra, a burguesía franquista quere facerse dona da terra, da auga e da memoria do país. «A boca do río» é unha novela que afonda nos abusos dos colaboradores da ditadura e amosa que o seu discurso de «reconstruír e modernizar» non era máis que unha coartada para promover inmensos negocios privados. Sen maniqueísmos nin leccións de historia disfrazada, esta obra narra, cunha ollada rigorosa e documentada, a proxección e construción do encoro de Belesar, un momento clave do pasado recente, cando Galicia se enfronta á promesa dunha falsa modernización que chega da man dun réxime autoritario e dunha alianza férrea entre o poder político e o económico. Cun estilo coidado, que combina a precisión histórica cunha prosa viva e sensorial, a novela de Alberto Lema retrata personaxes complexos e cheos de contradicións que visibilizan o entrecruzamento simultáneo da cobiza, a fe, o medo e a lealdade. «A boca do río» é un relato apaixonante, unha poderosa reflexión literaria sobre o custo humano e social do chamado «milagre franquista» e sobre a fráxil liña que separa a memoria do esquecemento.

Alberto Lema (Bamiro, Vimianzo, 1975) é licenciado en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago e na actualidade traballa na Real Academia Galega. Presentouse ás eleccións municipais de 2015 na Coruña pola Marea Atlántica e foi elixido concelleiro e nomeado cuarto tenente de alcalde, facéndose cargo das concellerías de emprego e economía social. É autor do poemario Plan de fuga (2008) e dos libros de narrativa Unha puta percorre Europa (2008), Sidecar (2009) Premio Ánxel Casal, Da máquina (2012) e Pazo de inverno (2021), nomeado co Premio García Barros. Con «A boca do río» (Xerais, 2026) conseguiu o XLIII Premio Xerais de Novela.