Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación do libro «Arquitectura sin naturaleza»

As filósofas María Vilas e Iria Murado estarán na Libraría NUMAX o vindeiro mércores 29 de maio ás 20h00 para presentar o libro Arquitectura sin naturaleza (Bartlebooth) de Timothy Morton. A entrada é libre ata completar aforo.

O traballo de Timothy Morton lanza luz sobre moitos dos conceptos e modos de ver o mundo que, a día de hoxe, son imprescindibles para navegar nel. Termos como ecoloxía escura, hiperobxecto, ou marcos de pensamento como a ontoloxía orientada a obxectos ou o posthumanismo son algo máis claros grazas aos escritos do filósofe inglés. Esta edición reúne, por primeira vez en castelán, os cruces e contaminacións que Morton tivo coas prácticas espaciais. Unha selección de catro textos axúdanos a expandir o repertorio de ferramentas coas que entender a ecoloxía máis aló dos marcos tradicionais, comprender esas outras escalas, espaciais e temporais, coas que asomarse a unha concepción máis ampla do deseño. Morton lévanos da man por un camiño sinuoso cheo de maleza fértil no que Natureza, sustentabilidade, ecoloxía, deseño e a propia arquitectura cobran outro ton, probablemente máis escuro e menos esperanzador, pero máis consciente do lugar que cada un deles ocupa na construción de mundos.

«A arquitectura, desgraciadamente, non escapa ao malentendido moderno. As raíces coloniais, sexistas e racistas dun concepto como o de Natureza, con “N” maiúscula, tan importante para a construción do capitalismo tal e como o coñecemos hoxe en día, e as institucións gobernamentais, familiares e económicas que o soportan, inevitablemente tamén determinan a nosa mirada como arquitectos»

Timothy Morton ocupa a cátedra de lingua inglesa Rita She Guffey na Universidade de Rice, en Houston, Estados Unidos. Colaborou con Laurie Anderson, Björk, Jennifer Walshe, Hrafnhildur Arnadottir, Sabrina Scott, Adam McKay, Jeff Bridges, Justin Guariglia, Olafur Eliasson e Pharrell Williams. Publicou unha vintena de libros, e algúns deles traducíronse ao castelán, como Astronave (Holobionte, 2021), El pensamiento ecológico (Paidós, 2018), Ecología oscura (Paidós, 2019), Reciclar la ecología: Pensar el mundo tras el fin de la naturalez (Reservoir, 2021), e Hiperobjetos: Filosofía y ecología después del fin del mundo (Adriana Hidalgo, 2021), e máis de douscentos cincuenta artigos sobre filosofía, ecoloxía, literatura, música, arte, arquitectura, deseño e comida.

Iria Murado é filósofa e interésase principalmente por cuestións relativas á ética animal. Actualmente está a investigar na USC sobre o sufrimento presente nas vidas dos animais salvaxes que viven na natureza e sobre o que podemos e debemos facer para reducilo.

María Vilas é filósofa e investigadora predoutoral na USC. Investiga á volta dos xiros ontolóxicos e o pensar-con-cuidado para comprender como este pode axudarnos a ampliar o noso coñecemento e ontoloxías máis-que-humanas.