Preestrea de «A quimera» con presentación e coloquio de Hélène Louvart, directora de fotografía do filme
(Foto: Hélène Degrandcourt)
Temos unha gran noticia que contarvos. O vindeiro domingo 14 de abril ás 18:00h celebramos preestrea exclusiva dunha das películas máis importantes do ano: A quimera, de Alice Rohrwacher. En NUMAX teremos o luxo de contar coa presenza da directora de fotografía Hélène Louvart, que ofrecerá presentación e coloquio do filme.
Desde que en 2011 se dera a coñecer internacionalmente coa súa opera prima, Corpo celeste, a figura da cineasta italiana Alice Rohrwacher non fixo máis que agrandarse, conquistando o corazón da cinefilia de todo o mundo. A cineasta da Toscana gañou o Gran Premio do Xurado en Cannes c'O país das marabillas (2014) e o premio a Mellor Guión con Lazzaro feliz (2018), galardón que repetiu en 2023 con A quimera.
Unha das constantes da obra de Rohrwacher é o extraordinario traballo de fotografía das súas películas, filmadas sempre en celuloide por Hélène Louvart, prestixiosa directora de fotografía francesa que ten traballado para cineastas como Wim Wenders, Agnès Varda, Claire Denis ou Léos Carax.
A quimera, «novo prodixio da italiana Alice Rohrwacher» (El País), terá estrea oficial en salas o venres 19 de abril pero en NUMAX, e coa colaboración da distribuidora Elástica Films, teremos a honra de celebrar unha preestrea exclusiva o domingo 14 de abril ás 18:00h con presentación e coloquio a cargo de Hélène Louvart. Xa se pode reservar butaca a través da nosa web ou na billeteira da sala.
(Alice Rohwacher -esquerda- e Hélène Louvart -dereita- na rodaxe de Lazzaro feliz)
Hélène Louvart
Nacida en Pontarlier en 1964, Louvart gradúase en 1985 na prestixiosa escola Louis Lumière, comezando desde moi nova unha prolífica carreira que inclúe 59 longametraxes para cinema, ademais de numerosas curtas, documentais e proxectos para televisión. Louvart é membro da AFC (Association Française des directrices et directeurs de la photographie Cinématographique) e ten traballado con cineastas de talla internacional como Wim Wenders, Agnès Varda, Claire Denis, Christophe Honoré, Jacques Doillon, Nicolas Klotz, Sandrine Veysset, Marc Recha, Léos Carax, Jaime Rosales ou, por suposto, Alice Rohrwacher. Pola súa extensa e exitosa carreira recibiu en 2012 o premio de Fotografía da TheWiFTS Foundation (The Women's International Film & Television Showcase).
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
-
Bird
VOSG
-
-
As margaridas
VOSE