Cinema

Encontro A cor das palabras con José Luis Guerin: «Sobre a restauración de Tren de sombras»

O sábado 4 de maio ás 12:00h recibiremos a visita de José Luis Guerin que ofrecerá un encontro A cor das palabras sobre a restauración de Tren de sombras. O encontro está organizado polo Concello de Santiago en colaboración con NUMAX, a Filmoteca de Galicia, a SEMINCI e Lost&Found. Reservas en [email protected].

En 1997, o cineasta José Luis Guerin abraiou a público e crítica especializada con Tren de sombras, unha palpitante homenaxe ás orixes do cinematógrafo que inicia cunhas filmacións domésticas aparentemente rodadas en 1930 por un avogado nun lago de Normandía. Sobre esta premisa, Guerin dispón unha absorbente reflexión sobre o poder da imaxe e a propia materia do cinema, composta de espectros, luces e sombras. O título do filme, gañador do Premio da Crítica en Sitges e o Méliès d'Or a mellor filme en 1997, provén da descrición do escritor ruso Máximo Gorki ao presenciar as primeiras filmacións dos Lumière:

«Non é máis que un tren de sombras. O tren detense, siluetas grises descenden dos vagóns sen facer ruído, saúdanse en silencio, rin, corren, axítanse, emociónanse sen emitir un son.... antes de desaparecer» (O reino das sombras, M. Gorki)

En NUMAX teremos a honra de recibir a visita de Guerin para nos presentar a nova copia de Tren de sombras nun traballo de restauración supervisado polo propio cineasta, xunto ao director de fotografía do filme Tomás Pladevall, co apoio da produtora Films 59 que dirixe Pere Portabella e a Filmoteca de Catalunya. A visita á nosa sala arranca ás 12:00h da mañá do sábado 4 de maio co encontro A cor das palabras no que José Luis Guerin afondará no proceso de restauración e máis nos profundos significados que atesoura o seu Tren de sombras. Esta actividade é de entrada gratuíta até completar aforo se ben pode reservarse butaca no correo [email protected].

Xa pola tarde, ás 18:00h, proxectaremos unha sesión de curtas dirixidas polo propio director catalán e reunidas baixo o título conxunto de Tres duelos: Recuerdo de una mañana (2011), Carta nº3: De las correspondencias con Jonas Mekas (2011) e For Heddy (2020). No pase central do día, ás 19:40h, haberá unha proxección de Tren de sombras con presentación e coloquio de José Luis Guerin. Antes, o martes 30 de abril celebraremos un pase extra de Tren de sombras sen presenza do cineasta. Pódese reservar butaca na nosa web ou na billeteira da sala para calquera destas sesións.

José Luis Guerin
Na súa traxectoria cinematográfica como director e guionista dos seus filmes, José Luis Guerin (Barcelona, 1960) combinou ficción e documental, diluíndo as fronteiras habituais entre ambos xéneros. Cos seus filmes Guerín participou de festivais como Venecia (Sección Oficial), Cannes (Un Certain Regard, Quincena de Realizadores), Berlinale (Forum), San Sebastián (Competición Oficial), Locarno ou Rotterdam. Entre as súas obras máis celebradas atópanse Innisfree (1990), Tren de sombras (1997), En construcción (2001), En la ciudad de Sylvia (2007), Guest (2010), ou La academia de las musas (2015) que xa foi estreada en NUMAX.

Rexistro da memoria e Pere Portabella
Cos dous pases de Tren de sombras rematamos o ciclo Cinema, rexistro vivo da nosa memoria que, desde o pasado mes de marzo, estivemos a celebrar en colaboración coa distribuidora Lost&Found e no que recuperamos filmes recentemente restaurados procedentes de distintos arquivos do planeta. O filme serve ademais de ponte para arrancar un novo Foco, desta volta dedicado ao cineasta catalán Pere Portabella na súa dobre condición de director e produtor. Tren de sombras foi producida en 1997 por Films 59, a compañía dirixida por Portabella.