Cinema

«O gran ditador», de Charles Chaplin, abre o ciclo Filmes contra a guerra

Presentámosvos Filmes contra a guerra, un ciclo de películas que se teñen situado na vangarda do seu momento histórico ao denunciar a barbarie das guerras. Nun tempo como o actual, de escalada belicista e crimes contra a humanidade, parécenos especialmente acaído recuperar filmes que nos sirvan como ferramenta de pensamento crítico e firme oposición ás guerras.

O ciclo arranca c'O gran ditador, xenial sátira de Adolf Hitler gravada ao final dos anos 30, mentres o exército nazi iniciaba a súa expansión europea. Charles Chaplin foi un dos primeiros cineastas en denunciar abertamente o nazismo nun momento no que as potencias occidentais amosaban certa ambigüidade na súa condena ao Terceiro Reich. Ante a falta de apoios da industria de Hollywood, Chaplin financiou, escribiu e dirixiu persoalmente unha obra maior que, sen abandonar o seu inimitable humor, anticipa os crimes contra a humanidade que o nazismo comezaba a perpetrar. Prohibida en España até a morte de Franco, O gran ditador mantén hoxe en día toda a súa vixencia como satírica rebelión ao fascismo.

Xa podedes reservar butaca para un pase que terá lugar o martes 14 de abril ás 17:45h.

Próximas proxeccións do ciclo

O ciclo Filmes contra a guerra contará, cando menos, cunha cita mensual. No mes de maio a película seleccionada vai ser Os nenos do paraíso, gravada por Hiroshi Shimizu cun elenco formado por nenos orfos na postguerra, con escenas filmadas nas ruínas de Hiroshima.