Encontro «A cor das palabras» con Jon Jost
O quinto encontro do ano no ciclo A cor das palabras que organizamos co Concello de Santiago ten como gran protagonista o cineasta independente americano Jon Jost, que visita NUMAX na estrea do seu novo filme, gravado en Galicia: Casa do silencio. Domingo 3 de decembro ás 11:30h.
Pechamos o curso no ciclo A cor das palabras coa visita de todo un mito do cinema independente en Norteamérica: Jon Jost. O cineasta de Illinois leva seis décadas realizando, desde a máis absoluta independencia, retratos severos cara á organización social e política do seu país. En NUMAX, aproveitamos a súa visita para programar un Foco con tres das súas obras máis celebradas: Last Chants for a Slow Dance (1977), All the Vermeers in New York (1990) e Coming to Terms (2012).
A gran noticia é que Jost vén de gravar e montar en Galicia Casa do silencio. O filme, producido por aCentral Folque, parte dunha visita de Jost a Galicia en 2022, convidado polo cineasta venezolano de ascendencia galega Diego Salomon. Tras pasar tres semanas no rural galego Jost atopa unha historia derivada dos tabús familiares dunha familia galega emigrada a Venezuela. En palabras de Jost, trátase dun "retrato cinematográfico dunha pequena parte de Galicia con cantantes, poetas, paisaxes e veciños que tenta chegar ao espírito deste lugar. Como sucede na poesía, é oblicuo, indirecto e alude a historias que non podemos contarnos a nós mesmos".
O filme conta coa colaboración e participación de importantes figuras da cultura e a arte galega como Quico Cadaval, Paula Ballesteros, Ismael Ramos, Ugia Pedreira, Antón Lopo, Xiana Arias, José Vázquez Mato, Maruja Parcero, Gabi Reboredo, Carme da Pontragha, Felisa Segade, Pablo Castaño, Iván Vilela, Berio Molina, Álvaro Peña, Ariel Ninas ou Ramón Almuinha.
No seu encontro A cor das palabras, organizado en colaboración co Concello de Santiago e titulado «Vivindo e aprendendo, unha vida no cinema», Jost afondará no proceso creativo do seu novo filme así como nos modos de traballar que deron lugar á súa suxestiva filmografía.
A actividade ten entrada gratuíta até completar aforo coa posibilidade de reservar praza no correo [email protected].
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
Salve María
VOSE
-
-
A porta do ceo
VOSE