Cinema

Regresa o ciclo Os ollos verdes con «O olor a leite queimado» e «Una película de miedo»

Regresa o curso académico e con el volve un dos clásicos da nosa programación: Os ollos verdes. Xa se pode reservar butaca para as dúas primeiras citas do curso 2026/27: O olor a leite queimado (luns 7), de Justine Bauer, e Una película de miedo (luns 14) de Sergio Oskman.

O ciclo Os ollos verdes célebrase en luns e mantense durante todo o curso. Nel programamos películas diferentes, arriscadas e anovadoras que adoitan encontrar dificultades para se facer oco nas carteleiras comerciais.

A nosa proposta para o curso 2026/27 arranca con dúas suxestivas películas para as que xa podes reservar butaca. A primeira cita será este luns 7 de setembro con O olor a leite queimado, debut na dirección de Justine Bauer que revindica a vida no rural alemán a pesar das dificultades para acadar unhas condicións dignas de vida e traballo. A película chega á nosa pantalla tras competir no Festival de Sevilla e levar o premio a mellor filme alemán no de Múnich.

Unha semana despois, o luns 14, tócalle a quenda ao director brasileiro Sergio Oskman, que completa o díptico sobre a relación co seu fillo iniciado con O futebol (2015) con Una película de miedo. Pai e fillo visitan Lisboa e alóxanse nun hotel abandonado similar ao d'O resplandor. Alí xorden dúas pantasmas, a do primeiro asasino en serie portugués e as dos homes que, de súpeto, tolean e abandonan as súas familias. A película foi estreada na sección Zabaltegi-Tabakalera de Donostia 2025.

Acada 1 crédito ECTS da USC

Recorda que se estudas na USC podes acadar 1 crédito ECTS asistindo ás proxeccións do ciclo. Ademais, coa inscrición ao ciclo poderás asistir a estas proxeccións cunha tarifa especial reducida de 4,5€. Só tes que seguir os seguintes pasos:

  • Solicita a túa tarxeta do ciclo na billeteira da sala e pide que che selemos cada visionado do ciclo.
  • Asiste ás proxeccións dos títulos etiquetados como Os ollos verdes ou Repertorio
  • Ao completar 10 visionados elabora o teu traballo (elixe unha das opcións):
    Texto: mínimo 5.000 caracteres (con espazos)
    Vídeo: entre 2 e 15 minutos.
  • Envía o teu taballo a [email protected]