Arranca o Centenario Maurice Pialat coa reestrea de «Aos nosos amores»

O gran protagonista do verán de NUMAX vai ser Maurice Pialat, un dos outsiders clave do cinema post-Nouvelle Vague, de quen se cumpre neste 2025 o centenario do seu nacemento. O ciclo arranca este venres 4 de xullo coa estrea durante unha semana do extraordinario coming-of-age Aos nosos amores, ao que seguirán, en pases dobres en venres e sábado, as obras que completan a súa filmografía. Xa se poden reservar as entradas para todas as sesións do mes de xullo.
Estamos moi felices de acoller na nosa sala, en colaboración coa distribuidora Atalante, unha retrospectiva completa do noso admirado Maurice Pialat, un cineasta de enorme importancia no cinema francés da segunda metade do século XX cuxa obra, por incrible que pareza, ficaba inédita en salas españolas. Cun estilo radical e popular, realista e seco, cunha forte carga autobiográfica, a súa obra foi decote comparada coa de Robert Bresson ou John Cassavetes e acadou o seu maior galardón coa Palma de Ouro de 1987 por Baixo o sol de Satán.
Comeza así unha ocasión única para gozar en copias restauradas en 2K dunha obra desbordante de vida, cólera e amor, con Isabelle Huppert, Sophie Marceau, Sandrine Bonnaire, Jacques Dutronc, Jean Yanne, Gérard Depardieu, Marlène Jobert, Guy Marchand e tantos outros nos seus mellores papeis.
Precisamente Sandrine Bonnaire, nunha das súas interpretacións máis memorables, gañou o César a mellor debut por Aos nosos amores, o filme co que encetamos este venres a retrospectiva e que ficará durante unha semana en cartel. A continuación deixamos títulos e calendario deste emocionante ciclo:
Do venres 4 ao xoves 10 de xullo
Aos nosos amores (95 min, 1983)
Venres 11 e sábado 12 de xullo
A infancia espida (83 min, 1968)
Venres 18 e sábado 19 de xullo
Nós non envelleceremos xuntos (106 min, 1972)
Venres 25 e sábado 26 de xullo
A boca aberta (82 min, 1974)
Venres 1 e sábado 2 de agosto
Aproba primeiro (81 min, 1978)
Venres 8 e sábado 9 de agosto
Loulou (110 min, 1980)
Venres 15 e sábado 16 de agosto
Police (109 min, 1985)
Venres 22 e sábado 23 de agosto
Baixo o sol de Satán (93 min, 1987)
Venres 29 e sábado 30 de agosto
O neno (102 min, 1995)
Venres 5 e sábado 6 de setembro
Crónicas turcas (74 min, 1964)
Venres 12 e sábado 13 de setembro
Van Gogh (160 min, 1991)