Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación de «El siglo» con Juan de Salas

O escritor Juan de Salas presentará El siglo (Ultramarinos) o venres 19 de setembro ás 19:00h na Libraría NUMAX. O autor estará acompañado polo poeta Antón Blanco. A entrada é libre ata completar aforo.

Dicía Elias Canetti con motivo do seu ambicioso ensaio de 1960, Masa e poder, sobre as dinámicas institucionais de control social no século XX, que sentía que por fin puidera «agarrar a este século polo pescozo».

Co seu novo poemario, podemos dicir que Juan de Salas (Madrid, 1999) agarrou ao seu tamén, pero ademais fíxoo pasar polo tubo, ata facerlle cantar de agudeza, arte e enxeño. Coma se se tratase dunha miniserie inspirada nos episodios nacionais de Galdós, este libro emprende con furor e comedia un longo roteiro turístico pola España decimonónica de Isabel II, as guerras carlistas e o ruído de sabres, e, por figuración, ofrécenos unha maior visibilidade da España do euro na que naceu o autor e o resto seguimos vivos. Polo tanto, tamén é unha visita guiada a pé de obra polos nosos propios corazóns. Con El siglo Juan de Salas inaugura a epopea lírica española do novo milenio.

Fotografía: Maria Ródenas Sainz de Baranda