Cinema

O WOS Festival 2025 vívese en NUMAX

Neste 2025 volvemos acoller a programación cinematográfica do WOS Festival, celebración anual da cultura alternativa e de vangarda. Nesta edición celebraremos tres sesións, do venres 12 ao domingo 14 de setembro, nas que exploraremos a historia da comunidade raveira  —Free Party: A Folk History—, a natureza do son e a súa capacidade para modificar a nosa percepción do mundo —32 Sounds—, e as pegadas do xenocidio no espazo sonoro —The Diary of the Sky / Where the Language Fails Us—.

As tres sesións do WOS Festival x Son Estrella Galicia en NUMAX terán lugar ás 16:00h, para adaptarse mellor aos ritmos e horarios do festival, e serán presentadas por Marcos Flórez, socio de NUMAX e co-programador da proposta. A entrada xeral ás sesións terá unha tarifa de 5€, co desconto habitual para as abonadas de NUMAX de 4€ e acceso gratuíto para as abonadas do WOS que conten co Festival Pass ou o Weekend Pass.

Programación e horarios

Venres 12 de setembro | 16:00h
Free Party: A Folk History (Aaron Trinder, 107')
Crónica do movemento Free Party que montaba raves gratuítas ao aire libre por toda Inglaterra desde finais dos 80 até mediados dos 90. A "unión de tribos" de travellers, punks, hippies e ácratas desafiou a policía e as leis de propiedade da terra até o punto de que o goberno lexislou especificamente contra aquel estilo de vida nómade.

Sábado 13 de setembro | 16:00h
32 Sounds (Sam Green, 95')
Documental inmersivo que profundiza na capacidade do son para modificar o tempo, cruzar fronteiras e alterar a nosa percepción do mundo; mediante 32 exploracións deste fenómeno xérase unha experiencia única.

Domingo 14 de setembro | 16:00h
The Diary of the Sky (Lawrence Abu Hamdan, 44')
Durante a pandemia, o artista Lawrence Abu Hamdan propúxose documentar os niveis de ruído de Beirut, revelando a inquietante fusión dos incesantes voos militares israelíes e o zumbido dos xeradores durante os apagóns.

Where the Language Fails Us Us (Sami El-Enany, 15')
Poderoso filme-concerto que explora a sonoridade e as reflexions do músico palestino Dirar Kalash, nun momento clave do xenocidio en marcha contra o seu pobo. A súa obra abrangue unha ampla gama de prácticas musicais e sonoras, tanto no campo da intrumentación e a composición como da propia improvisación.