Cinema

Catálogo 2025-26 de NUMAX na Escola

Como cada inicio de curso retomamos o noso programa didáctico NUMAX na Escola, que conta cun catálogo amplo e renovado de filmes para o seu visionado en pantalla grande acompañados de materiais didácticos e presentacións na propia sala de cinema.

Educación Infantil e primaria

Entre as novidades deste novo curso para infantil e primaria destacamos a reestrea dobrada ao galego dunha das obras mestras de Hayao Miyazaki, Ponyo no acantilado. Para os cursos de infantil e primeiros cursos de primaria temos novas compilacións de curtametraxes que destacan polo seu entretemento e valor educativo: Pezqueñín, o pequeno aventureiro, Ernest & Celestine: contos de primavera ou O gato Tabby

Para 5 anos en adiante, contamos con poderosas personaxes femininas como Ola, Frida!, Heidi, o rescate do lince ou Lola e o piano crebacabezas, esta última afondando tamén no respecto á diversidade intelectual e funcional. O alumnado de 7 ou máis anos poderá gozar da nova obra de Claude Barras (autor d'A miña vida de cabaciño), Salvaxes, Un barco no xardín ou a multipremiada Flow, un mundo que salvar. Xa para os últimos cursos de primaria destacamos a restauración d'A lingua das bolboretas, célebre adaptación de Que me queres amor? de Manuel Rivas.

Descarga o catálogo completo para infantil e primaria

Educación secundaria e bacharelato

No tocante á nosa proposta para os cursos de secundaria e bacharelato, o catálogo segue estruturado en base aos seus eixos temáticos. Entre as novas fitas destacamos pezas que afondan no mundo da música, como a opera prima de C. Tangana, La guitarra flamenca de Yerai Cortés ou a posta en valor das bandas municipais en Por todo o alto. Para o estudo da historia contemporánea e problemáticas sociais do noso tempo contamos con A lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda, a multipremiada El 47, con Eduard Fernández, e A historia de Souleymane, sobre a migración e o dereito de asilo das persoas refuxiadas.

O mundo da adolescencia rural retrátase con vitalidade n'A receita perfecta, ao tempo que no apartado de animación contamos coas obras mestras de Miyazaki ―Ponyo no acantilado en galego e Porco Rosso―, xunto coa emocionante e ecoloxista Flow, un mundo que salvar. O uso das redes sociais explórase na humanista Un "like" de Bob Trevino, e non menos emocionante é o noso clásico contemporáneo: Unha historia verdadeira. Para rematar, destacamos a nosa sección de cinema galego na que sumamos o fermoso biopic de Castelao Antes de nós, a comedia sobre a crise inmobiliaria Os fenómenos, dirixida por Alfonso Zarauza e protagonizada por Miguel de Lira e Xosé A. Touriñán, e Romería, un dos títulos do ano, dirixida por Carla Simón. Ao longo do curso iranse sumando novas propostas, algunhas xa anunciadas como Mi ilustrísimo amigo, sobre a relación amorosa e epistolar entre Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós.

Descarga o catálogo para secundaria e bacharelato