Repaso ao máis destacado de 2025 na Cooperativa NUMAX
Vén de rematar un 2025 cheo de actividades e encontros felices na cooperativa NUMAX e, como cada ano, facemos un repaso ao máis destacado nos últimos 365 días. Moitas grazas por facelo realidade co teu apoio e participación!
Na primavera de 2025 a cooperativa NUMAX cumpría 10 aniños e, para celebralo como a ocasión merecía, organizamos unha semana chea de actividades nas que tivo especial protagonismo a posta en valor da economía social e solidaria aproveitando tamén a celebración do Ano Internacional das Cooperativas. As nosas amigas de Cestola na Cachola levaron a cabo unha marabillosa intervención no noso escaparate a partir dos motivos do Numax presenta... de Joaquim Jordà. A semana culminou na xa habitual xornada festiva na que estivemos rodeadas de amigas e na que non faltou a música (Cristóbal Fernández, Marcos Flórez, Cibrán, Pídechas o corpo, La isla del tesoro DJ e Tonita DJ), o cinema (Jean Renoir, de novo Jordà, a MICE, Puta mina e o Co- Festival de Cinema Cooperatiu das compas de Zumzeig) e un obradoiro de postais a cargo de Studio Variopinto. Posdata: Ídevos preparando para o undécimo aniversario!

Durante este 2025 a Libraría NUMAX superou as 70 presentacións. Polo noso espazo pasaron escritoras como Valeria Mata, Alejandro Zambra, Servando Rocha, Raquel Peláez, Lucía Solla, Yolanda Castaño, Laura C. Vela, Miriam Reyes (Premio Nacional de Poesía 2025), Daniel Salgado (Premio da Crítica 2025), Raül Refree ou Juan Tallón. Tamén se presentaron proxectos bibliográficos como A Galicia deseñada de Fabulatorio e o catálogo MAN de Alauda Negra, ademais de acoller a realización dun censo de ornitoloxía literaria con Ignacio Munilla e Pancho Lapeña. Tamén celebramos a actividade creada e comisariada pola Libraría NUMAX, «Dicir as marxes», composta de catro encontros e un roteiro no que cuestionar a idea de fronteira dende diferentes perspectivas. No 2025 lanzamos por primeira vez os Clubs de lectura de NUMAX, con sesións coordinadas polas libreiras da cooperativa e tamén por outras persoas convidadas como a escritora Montse Fajardo, o investigador Brais Estévez ou as editoriais Rodolfo e Priscina e Irmás Cartoné.

O ano que agora rematamos viu cargado de emocións na sala de cinema, incluída a renovación do noso querido proxector Sony que, tras 10 anos de impagables servizos, foi substituído polo novo Barco 4K co que seguimos a garantir as mellores condicións de proxección. Durante estes 12 meses pasaron pola nosa sala máis de 33.000 espectadoras, das que 5.500 foron alumnos/as de diferentes niveis de ensino dentro do programa NUMAX na Escola, unha das nosas liñas de traballo máis queridas que este ano acadou o seu récord de participación. Outros pases especiais que non imos esquecer facilmente tiveron lugar no verán, coa terceira edición do Cinema ao aire libre, incluído no Festival C do Concello de Santiago, no que proxectamos os Daguerrotipos da Varda e Fai o que debas de Spike Lee. No mes de xullo tamén celebramos o ciclo 10/10. As espectadoras presentan no que, co gallo do noso décimo aniversario, convidamos ás nosas espectadoras máis asiduas a programar e presentar cadanseu filme preferido na sala de cinema.

[Foto: Mario Llorca]
Durante todo o ano foron proxectados máis de 250 filmes dos que os máis vistos teñen unha fonda vinculación coa nosa terra, destacando Sirat (Oliver Laxe), Antes de nós (Ángeles Huerta), Romería (Carla Simón) e San Simón (Miguel Ángel Delgado). Un ano máis, NUMAX foi un espazo aberto para que cineastas de diferentes procedencias puidesen presentar as súas creacións ante o público da sala. As autoras que nos visitaron neste 2025 foron Zeltia Outeiriño, Pablo Gil Rituerto, Emilio Fonseca, Óskar Alegría, Adrien Bordone, César Souto, Alberte Branco, Daniel Froiz, Celia Rico, Alberte Pagán, Ángeles Huerta, Oliver Laxe, Enrique Banet, Mabel Rivera, Xavi Font, Paula Cons, Miguel Ángel Delgado, Alberto Vázquez, Marina García López, Lois Patiño, Xose González Varela, Hugo Torres e José Díaz. Para todas elas o noso maior agradecemento. Mención especial merece o noso querido Alfonso Zarauza, que elixiu NUMAX para conmemorar os seus 30 anos de cinema canda actores, actrices e outros profesionais fundamentais na súa extensa traxectoria. Tamén queremos mencionar as colaboracións habituais con festivais como a MICE, Curtocircuíto, o WOS Festival, e Cineuropa, así como cos ciclos De Lugares e Órganos, Festival Ateneo Barroco ou o Outono Códax Festival organizado polos nosos veciños da Sala Capitol. Non queremos deixar de salientar fomos a sala do Noroeste peninsular participante nos Palestine Cinema Days cos que seguimos a esixir a fin do xenocidio e a ocupación de Palestina por parte do exército israelí.
Laboratorio NUMAX
No departamento de Gráfica e Web do Laboratorio NUMAX continuamos co traballo de imaxe integral para festivais e encontros como Festival Sinsal, Galicia Escena PRO ou o Día do Cooperativismo Galego, ao que este ano se sumou a Semana do Libro de Compostela (SELIC), para a que creamos a súa nova liña gráfica e todos os soportes de comunicación, en colaboración coa ilustradora Iria Ribadomar. Dentro do proxecto Os ollos das Árbores, inauguramos no Pazo de Fonseca a exposición Rosalía no Xardín da Revolución, comisariada por María do Cebreiro e X. Carlos Hidalgo, da que realizamos o deseño gráfico e expositivo. Tamén no apartado museográfico, continuamos coas itinerancias das exposicións A vía da prata. Aires do sur e O Camiño Portugués. Memorias de mar e pedra, comisariadas por Lucía Laín, así como a gráfica de sala para a exposición Castelao, Mirar por Galicia, tamén para a Fundación Cidade da Cultura, comisariada por Carlos Seijo. E, en colaboración co Incipit (CSIC), creamos a gráfica para o proxecto Arqueoloxía da Festa, de Matilde Meireles e Íñigo Sánchez-Fuarros. Para producións cinematográficas, fixemos os títulos de Así Chegou a Noite, de Ángel Santos e San Simón, de Miguel Ángel Delgado, así como o cartaz para o filme O camiño de Cova Eirós, de Xose González Varela.
No apartado dixital, publicamos as webs da Cooperativa 7H e da Plataforma teatral Charlatana, traballamos no proxecto Código abierto para a creación dun sistema de xestión de librarías online en código aberto, en colaboración con Traficantes de Sueños e Katakrak, e realizamos a asistencia técnica a Nomes e Voces no proxecto CENOMI de integración de bases de datos nun único Censo Estatal de Vítimas a partir do Golpe de Estado de 1936 e ata o final do ano 1939.
Na área de vídeo de NUMAX continuamos con todos os traballos de masterizado necesarios para que dous dos filmes que nos mantiveron ocupados o ano pasado chegasen recentemente a salas de todo o Estado: San Simón, de Miguel Ángel Delgado, estreado o pasado mes de outubro, e Así chegou a noite, que aterrou no Festival Internacional de Xixón cun merecido premio para o seu director, Ángel Santos, e que chegará a salas nos vindeiros meses. Tamén tivemos a sorte de recibir un par de recoñecementos, neste caso no Alcine Film Fest pola montaxe de Portales (Elena Duque) e o Premio AMAE de longametraxe documental ao noso socio Marcos Flórez (compartido con Cristobal Fernández) por La guitarra flamenca de Yerai Cortés de Antón Álvarez. Mentres tanto intentamos seguir traballando coa mesma dedicación nos filmes que van chegando ao noso laboratorio, desde a montaxe e etalonaxe da primeira longametraxe de Adrián Canoura (Fomos ficando sós), a montaxe de A rebelión da lectura (Alma Alonso e Asun G. Losada) ou tamén a montaxe que nos ten absorbidos actualmente (Outubro, debut de Rafa de los Arcos na longametraxe, con produción de Matriuska).
Foi tamén un ano de seguir aprendendo e achegando un pouco do que sabemos dentro do magnífico equipo de Teknika do Festival de San Sebastián e, de igual xeito, de celebrar co festival Novos Cinemas os fermosos 10 anos que levamos traballando xuntos para proxectar sobre a pantalla do Teatro Principal de Pontevedra a fabulosa programación coa que nos adoitan sorprender.

Non queremos despedirnos sen recordar e agradecer o premio ás boas prácticas na comercialización de servizos e produtos culturais que nos foi outorgado nos IV Premios á Excelencia Empresarial do Concello de Santiago.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
O estranxeiro
VOSE
-
-
Ariel
VOSE
-
-
-
Plácido
VO
-
-
Valor sentimental
VOSE