A reestrea internacional de 'Nubes pasaxeiras' abre as portas do cinema NUMAX
Aki Kaurismäki achegouse para sorpresa de todos e acompañounos, xunta un grupo de avalistas do proxecto, na preapertura da sala, que aínda se atopaba en obras o pasado venres 13 de marzo. Antes da proxección, dirixiuse ao público: “A cultura humana non existe sen ideas tan burras como esta”. Despois, proxectouse o primeiro filme sobre a pantalla de NUMAX, a restauración dixital subtitulada ao galego do filme 'Nubes pasaxeiras', de 1993, que estará en cartel no cinema até a semana próxima.
Kaurismäki explicou que Nubes Pasaxeiras foi filmado nun momento no que Finlandia estaba a atravesar un buraco económico, cun 25% da poboación en situación de desemprego. O filme conta a historia de como Ilona e Lauri, unha parella como outras tantas, van construíndo a súa vida como mellor poden. Ela é maître no restaurante Dubrovnik e el conductor de tranvías. As letras van vencendo e vense os dous sen emprego con pouco tempo de diferenza.
“Fixen un filme sobre xente sen traballo”. Despois, o finés despregou a súa xa famosa retranca e con galego miñoto: “É moi malo este filme. É mellor para vostedes que marchen da sala. Vaian comer ou tomar un copiño.” Prometeu non ficar máis de cinco minutos na sala mais finalmente acompañounos ata o final do filme e despediuse para voltar á súa casa atender os seus cans e seis galiñas que coida coa súa dona, a pintora Paula Oinonen.
Paula e Aki achegáronse desde Portugal no seu coche particular a Compostela, aproveitando que o director finés está en Galicia seguindo o rastro das fotografías de Ruth Mathilda Anderson. Chegaron por sorpresa ao acto de preapertura, ao que estaban convidadas tamén todas as persoas que avalaron mancomunadamente o crédito de 300.000 euros concedido por Coop57 co que se puido construír NUMAX.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
-
Bird
VOSG
-
-
As margaridas
VOSE