Presentación e coloquio con José Luis Guerín arredor de «La academia de las musas»
O cineasta catalán José Luis Guerín visita NUMAX para presentar, este sábado 9 de xaneiro ás 19:40, o seu último filme, La academia de las musas. Ao remate da proxección, Guerín manterá un coloquio co público asistente.
Gañadora do Giraldillo de Ouro do Festival de Cine Europeo de Sevilla, a última creación de José Luis Guerín preséntasenos nos seus rótulos de inicio como «unha experiencia pedagóxica do profesor Raffaele Pinto filmada por J.L. Guerín». O filme enceta en forma de documental observacional que rexistra as aulas que Pinto imparte na Universidade de Barcelona, nun seminario que xira arredor do papel das musas na creación literaria a partir de obras de Dante como A divina comedia.
Porén, o filme deriva axiña cara a campos propios do cinema de ficción para, en palabras de Luis Martínez do diario El Mundo, «navegar libre pola retina entre a comedia, o drama e, apurando, o thriller de espías». Nesta coidada reflexión sobre a natureza do amor e a súa posíbel condición de invención poética, interveñen actrices non profesionais como Mireia Iniesta, Rosa Delors Muns e Emanuela Forgetta, que conforman canda o propio Raffaele Pinto un singular círculo de relacións que xera encontros e desencontros.
En palabras de Jaime Pena para Caimán Cuadernos de Cine, «a ausencia de predeterminación dun proxecto pedagóxico que muta como por arte de maxia nunha comedia de enredo capaz de reflexionar sobre as propias orixes do xénero é, precisamente, o que converte a La academia de las musas nunha obra maior: un cinema realizado con liberdade do que non está forzado a acadar ningún resultado e que, como fai cos seus propios intérpretes/personaxes, se serve dunha longa tradición literaria e cinematográfica para reinterpretala e darlle un novo sentido ás palabras e ás imaxes, inventando unha nova forma».
Con ocasión da visita de Guerín queremos informar ás persoas con abono de colaboradoras que poderán asistir de balde á proxección, previa reserva a través de [email protected] e achegando nome completo e número de abonada (até unha hora antes da sesión).
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
-
Bird
VOSG
-
-
As margaridas
VOSE