Ismael Ramos presenta na Libraría NUMAX o poemario «Os fillos da fame»
O poeta Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) visita este xoves 31 de marzo ás 20:15 a Libraría NUMAX, para presentar o seu libro de poemas Os fillos da fame, co que vén de gañar o premio Johán Carballeira. No acto intervirán, ademais do autor, a poeta e investigadora Alba Cid e o subdirector de Edicións Xerais Fran Alonso. (Foto: Alba Cid)
Nos versos d'Os fillos da fame, Ismael Ramos percorre historias e paisaxes onde a historia e a literatura galegas se atopan moi presentes, «onde o mar está moi presente, onde a fame está moi presente», destaca o autor. O poemario valeulle a este mozo escritor de Mazaricos o premio Johán Carballeira do Concello de Bueu, onde o xurado salientou que a obra «non esquece a riqueza da lírica galega e conta cunha voz autoral limpa e novidosa».
Segundo escribe Carlos Maquieira na contracapa do libro editado por Xerais, «a verdadeira poesía crea territorios. Habítaos. Ismael Ramos, ese rapaz da montaña a quen ensinaron a estar só, hai xa anos que se apropiou do territorio da ferida, pero agora demostra, como moi poucos na poesía galega actual, que tamén sabe construír novas paisaxes, modificar xeografías».
A pesar da súa curta idade, Ismael Ramos conta xa cun importante número de obras publicadas coas que obtivo, entre outros, o Premio Minerva nas modalidades de poesía e narrativa, o segundo premio Ánxel Casal con Capricho (poesía existencial demasiado azucrada) ou o segundo premio de poesía do concurso Xuventude Crea con O grande pecador.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
-
Bird
VOSG
-
-
As margaridas
VOSE