Novo catálogo de NUMAX na Escola para o curso 2026-27
No inicio do curso académico 2026-27 presentamos o catálogo renovado do noso programa didáctico NUMAX na Escola. Como cada ano, dividimos o noso catálogo para adaptalo a diferentes contidos, materias e niveis de ensino, acompañando cada sesión de materiais didácticos e presentacións na sala de cinema.
Educación infantil e primaria

O catálogo de filmes para educación infantil e primaria está organizado en base aos rangos de idade recomendada. Para os cursos de infantil e primeiros cursos de primaria temos novas compilacións de curtametraxes que destacan polo seu entretemento e valor educativo: Pezqueñín, O gran Nadal dos animais, Billy, o hámster cowboy, A gran festa do bosque ou Mumbo Jumbo faise enorme.
Para 5 anos en adiante contamos con obras protagonizadas por personaxes femininos empoderados ―Mary Anning e a praia dos dinosauros―, películas que poñen en valor a paixón polo coñecemento ―O segredo do ferreiriño―, a lectura ―O tesouro da barracuda―, a natureza ―Emilie e o segredo das tormentas―, ou a importancia dos coidados e a solidariedade ―Os misteriosos contos da maceira, O meu robot favorito, Fleak―.
As novidades do catálogo complétanse con dúas xoias do anime ―Your Name, O castelo no ceo― e unha nova entrega d'A ovella Shaun ―Misión cabaza―. Tamén faremos oco para dous clásicos imprescindibles, Matilda, a partir do libro de Roald Dahl, e as Silly Symphonies do estudio Disney. A proposta inclúe tres filmes dobrados ao galego ―Valentina, A galiña Turuleca, Ponyo no acantilado―.
Descarga aquí o catálogo para infantil e primaria.
Educación secundaria e bacharelato

No tocante á nosa proposta para os cursos de secundaria e bacharelato, o catálogo segue estruturado en base aos seus eixos temáticos. Entre as novas fitas encontramos algúns dos filmes máis destacados da tempada no cinema español, como La bola negra, extraordinaria reivindicación da memoria histórica e a diversidade afectivo sexual que parte dunha obra inacabada de García Lorca. Outras obras da colleita española do ano reflexionan sobre a importancia da educación pública —Altas capacidades—, a saúde mental —Corredora— ou a defensa dos dereitos das persoas trans —Iván & Hadoum—.
Seguimos a facer un oco moi especial ao talento galego que no último ano inclúe traballos de memoria sobre loitas veciñais —360 curvas—, sobre a relación entre Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós —Mi ilustrísimo amigo—, a emocionante As liñas decontinuas ou Cuñados, unha comedia para rir a esgalla con Xosé A. Touriñán e Miguel de Lira.
No catálogo non faltan obras sobre cuestións políticas de máxima actualidade como o xenocidio do pobo palestino retratado en No Other Land, ou a violencia policial de Caso 137. Tamén se inclúen clásicos do anime como Your Name e O castelo no ceo, ou a última creación do estudio Aardman: A ovella Shaun: misión cabaza. A proposta complétase con clásicos imprescindibles como El verdugo, de Luis García Berlanga, ou a posta en valor da lectura que propón Matilda a partir do libro de Roald Dahl.