Cinema

Foco Néstor Almendros: Días dunha cámara

A nosa sección de Repertorio do mes de setembro vainos permitir coñecer de preto a fascinante figura de Néstor Almendros, un dos directores de fotografía máis prestixiosos do cinema de autor dos anos 60 e 70, de quen vén de reeditarse o influente libro Días de una cámara. Para axudarnos a confeccionar o ciclo, contamos coa colaboración de tres profesionais da dirección de fotografía  —Juan Meseguer, Alicia Francés e Alberte Branco— que presentarán cadanseu filme de cabeceira cuxa fotografía correse a cargo de Almendros.

Nacido en Barcelona e formado en Cuba, a onde a súa familia se exiliou pola súa filiación republicana, Néstor Almendros (1930-1992) foi un dos directores de fotografía máis importantes do século XX, sendo especialmente importante a súa vinculación co cinema de autor francés. A súa cámara filmou algunhas das obras máis destacables de Éric Rohmer, François Truffaut, Barbet Schroeder, Jean Eustache ou Maurice Pialat. A súa prestixiosa traxectoria en Francia levouno, a finais dos 70, a traballar con autores do Novo Hollywood como Robert Benton, Alan J. Pakula ou Terrence Malick, con quen executa a extraordinaria fotografía de Días do ceoÓscar á mellor fotografía en 1978.

O traballo de Almendros destaca polo seu estilo elegante e moi expresivo, decote baseado no aproveitamento da luz dispoñible e dando lugar a unha estética habitualmente sobria e sinxela. Director de vocación, Almendros era consciente de que o seu traballo non debía evitar impoñerse á vontade de cada un dos directores cos que traballou e cos que estableceu unha fonda e prolongada colaboración. O ciclo que hoxe presentamos, e para o que xa se pode reservar butaca na nosa web e billeteira, conta coa inestimable colaboración de tres profesionais da dirección de fotografía que atopan na figura de Néstor Almendros un referente imprescindible. Juan Meseguer, Alicia Francés e Alberte Branco, foron os encargados de escolmar os títulos do ciclo, e acompañarán a cada un dos filmes seleccionados na sala de cinema.

Precisamente eles serán os encargados de abrir o ciclo o martes 8 de setembro ás 19:00h coa presentación de Días de una cámara na Libraría NUMAX, nun acto de acceso libre até completar aforo. Ese mesmo día, a continuación da presentación, arrancará o Foco coa proxección d'A marquesa de O..., dirixida por Rohmer.

Programación do ciclo


Néstor Almendros e François Truffaut

Martes 8 de setembro | 20:00h
A marquesa de O... (Die Marquise von O..., Éric Rohmer, 102', 1976)
Século XIX. Norte de Italia. Xulieta, a marquesa de O, é unha fermosa e moza viúva que vive cos seus pais. Durante o asedio á súa cidade polas tropas rusas, a Marquesa sofre un intento de violación, pero sálvase grazas á intervención dun cabaleiro ruso, o conde. Meses despois, Xulieta, inexplicablemente, está embarazada. Incapaz de aceptar esta vergoña, a súa familia bótaa de casa.

Martes 15 de setembro | 19:25h
Xeneral Idi Amin Dada (Général Idi Amin Dada: Autoportrait, Barbet Schroeder, 86', 1974)
Documental sobre o ditador ugandés responsable da morte de 300.000 compatriotas seus entre 1971 e 1979, e que saltou á actualidade internacional cando ordenou a expulsión do país de todos os habitantes de orixe asiática. Co beneplácito do propio Amin, a cámara ségueo nun safari, unha competición de natación e outros eventos organizados para demostrar a súa popularidade, pero que en realidade deixan patentes a súa loucura e paranoia.
A película foi programada polo director de fotografía Juan Meseguer (Murcia, 1982), que tamén ofrecerá presentación e coloquio.


Fotograma de Días do ceo (Terrence Malick, 1978)

Martes 22 de setembro | 19:00h
As dúas inglesas e o amor (Les deux anglaises et le continent, François Truffaut, 125', 1971)
No París de 1900, Claude Roc, un mozo francés de clase media, faise amigo de Anne Brown, unha moza inglesa. Ela invítao a ir á súa casa de Gales, onde vive coa súa irmá Muriel. Unha vez alí, aínda que Claude se sente atraído por Anne, ela procura desviar a súa atención cara Muriel. Cando Claude e Muriel se decatan de que están namorados, a nai dela insiste en que para estar seguros do seus sentimentos, deben someterse a unha separación dun ano.
A sesión foi escolmada pola directora de fotografía Alicia Francés (Vigo, 1991) que estará presente na sesión para nos falar da fotografía do filme.

Martes 29 de setembro | 19:00h
Días do ceo (Days of Heaven, Terrence Malick, 94', 1978)
En 1916, Bill e Abby, unha parella nova, deciden abandonar a pobreza e a dura vida de Chicago. Acompañados de Linda, a irmá de Bill, viaxan ata os grandes campos de trigo de Texas, onde encontran traballo como braceiros nunha granxa. Recollida a colleita, o mozo e aposto patrón, ao que fan crer que os tres son irmáns, pídelles que queden porque namorou de Abby. Por este filme, Almendros acadou o maior recoñecemento da súa carreira co Óscar á mellor fotografía en 1978.
O filme foi seleccionado por Alberte Branco (Fene, 1970), que presentará a sesión e ofrecerá un coloquio posterior.