Arranca o foco dedicado a Anja Breien, a gran cineasta da Nova Vaga Norueguesa
Nos meses de marzo e abril, da man da distribuidora Lost&Found, imos descubrir a obra de Anja Breien, unha das cineastas máis relevantes do cinema escandinavo dos 70. Arrancamos o martes 3 de marzo co filme Violación, que será presentada por Víctor Paz (Lost&Found) e continuamos o martes 17 con As esposas, presentada pola actriz Carmen Méndez. O ciclo completarase en abril coa proxección de Caza de bruxas e O paxaro de papel.
Anja Breien (Oslo, 1940) é unha das directoras norueguesas máis recoñecidas. Xunto con Vibeke Løkkeberg e Laila Mikkelsen, Breien contribuíu a establecer a cara feminina da nova vaga do cinema do país escandinavo. As películas de Anja Breien, decote comparadas coas de Chantal Akerman, superan o canon vangardista modernista debido ao seu carácter persoal. O Foco que organizamos en colaboración con Lost&Found inclúe copias en DCP 2K creadas a partir de recentes dixitalizacións levadas a cabo pola Biblioteca Nacional de Noruega, que recuperan para as audiencias contemporáneas o legado fílmico dunha das cineastas escandinavas máis importantes da historia.

Fotograma de VIolación (1971)
Martes 3 de marzo | 19:55h
Violación (Voldtekt, 1971, 94 min)
Unha ama de casa é brutalmente violada nunha mañá de inverno, e ao día seguinte unha moza sofre un intento de violación. A policía sospeita de Anders, un mozo peón en estradas que foi visto no lugar en ambos os dous casos. Mais, atoparon o home correcto? A través de formas próximas ao documental e cunha montaxe rupturista, analízase a investigación policial e o sistema xudicial noruegués seguindo a perspectiva do acusado. Presentación de Víctor Paz.
Martes 17 de marzo | 20:00h
As esposas (Hustruer, 1975, 85 min)
Que pasaría se as mulleres comezasen a comportarse como os homes? E se se descontrolasen en lugar de volver á casa e ter conta das súas responsabilidades? Esta película trata sobre tres mulleres que abandonan o traballo, o marido e os fillos para se embarcar nuns días de desenfreo, desafiando os roles tradicionais. Está considerada como a resposta feminista ao Husbands de Cassavetes. Presentación de Carmen Méndez.

Fotograma de As esposas (1975)
Martes 7 de abril | 20:00h
Caza de bruxas (Forfølgelsen, 1981, 89 min)
Século XVII nunha aldea das montañas de Noruega. Unha moza múdase á antiga granxa familiar e comeza a traballar. Resulta ser unha muller forte e emprendedora, o que fai circular rumores. Os habitantes da vila vólvense na súa contra ao atribuírlle habilidades sobrenaturais. Co beneplácito e a axuda das autoridades, acaban por acusala de estar aliada co demo.
Martes 21 de abril | 19:45h
O paxaro de papel (Papirfuglen, 1984, 90 min)
A moza avogada de Oslo, Helen Larre, observa como un home cae desde un balcón e, ao achegarse, descobre que se trata do seu pai. Na súa roupa encontran adheridos diversos documentos e a fotografía dunha moza. Coa axuda do inspector Pål Brenden, comezará a debullar toda unha serie de intrigas corporativas e conflitos familiares que a levarán a repensar a relación co seu pai, mentres intenta descubrir se se trata dun suicidio, un accidente ou un asasinato.