Cinema

Universo Rafael Azcona. 100 anos (1926-2026)

O gran protagonista da nosa sección de Repertorio no ano 2026 será o guionista Rafael Azcona de quen se cumpre o centenario do seu nacemento. Ao longo de 2026, irán pasando pola nosa pantalla unha vintena de grandes títulos escritos por Azcona e dirixidos por autores da talla de Berlanga, Saura, Ferreri ou Cuerda. Primeiro pase o venres 2 de xaneiro con Plácido.

"O máis difícil á hora de facer un guión de cinema é que che paguen por el", dicía con sorna o sempre enxeñoso Rafael Azcona. Ao longo de seis décadas, o rioxano soubo deseñar nos seus guións personaxes inesquecibles que permiten rastrear a historia do século XX en España, desde os tempos da Segunda República e a Guerra Civil até a gris sociedade española do Franquismo. 

"Eu considérome unha especie de asistente ao servizo do director, que é o meu señorito" dicía tamén Azcona. Entre os seus "señoritos" encontramos algúns dos maiores cineastas do pasado século en España como Luis García Berlanga, Marco Ferreri, Carlos Saura, Fernando Fernán Gómez, Fernando Trueba ou José Luis Cuerda. Tampouco se pode entender o xenio de Azcona sen as ducias de actrices e actores que deron vida aos seus personaxes, entre os que podemos destacar a José Luis López Vázquez, Emma Penella, Pepe Isbert, Amparo Soler Leal, Luis Escobar ou Alfredo Landa por citar só algúns notables exemplos.

Grazas á colaboración coa distribuidora Avalon, 2026 será en NUMAX o ano do Centenario Rafael Azcona, cunha vintena de títulos que iremos repartindo ao longo dos vindeiros meses nos que nos achegaremos a algunhas das obras máis destacables do século XX no cine español.

Calendario de proxeccións

Venres 2 / 20:00 | Luns 5 / 17:50 | Martes 6 / 20:00
Plácido (Luis García Berlanga, 87', 1961)

Martes 20 / 19:30
A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda, 97', 1999)

*Presentación do catedrático José Luis Castro de Paz