Cecilia F. Santomé presenta «Boundaries Road» na Libraría NUMAX
A Libraría NUMAX acolle a presentación do libro Boundaries Road (Xerais) de Cecilia F. Santomé o martes 10 de novembro ás 10:00h. A autora estará acompañada pola escritora Berta Dávila. A entrada é libre ata completar aforo.
Boundaries Road é unha marca no mapa da periferia anódina de Londres. Un sitio coma outro calquera ata que á porta do número 62 aparece Cecilia, que necesita un cuarto para alugar, e Natalie e Tom, que buscan unha inquilina temporal, a acollen sen pensalo demasiado. Nesa casa fermosa, exótica e fascinante, todos eles serán felices ata que unha crise insospeitada estale. Anos despois, Cecilia volve a aqueles días movida pola memoria dun obxecto, pola forza da nostalxia. Cunha prosa sensorial e exuberante, Boundaries Road é unha novela sobre o baleiro e a alienación urbana, un estudo lúcido e lúdico sobre os lugares que ocupamos e nos ocupan, sobre as múltiples capas que agocha a pel humana.
Cecilia F. Santomé (San Simón, Vilalba, 1984) é tradutora, narradora e lingüista. Leva anos desenvolvendo o seu interese pola palabra escrita en eidos diversos, desde a redacción de contidos dixitais á formación en biblioteconomía. A súa experiencia en proxectos de xornalismo colaborativo («Toonari Post», «55 Pages») inspirou a creación de «Coolt», revista en liña que codirixiu e editou entre os anos 2016 e 2018. En 2017, recibiu o Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e do Norte de Portugal polo seu relato «34, Rue Saint Jacques». En 2021, foi recoñecida co 3º premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía por «As orfas daquel verán». Publicou as novelas «Quérote. Eu tampouco» (Xerais, 2019), «Unha rapaza de provincias» (Xerais, 2021), «As despedidas» (Xerais, 2024) e «Boundaries Road» (Xerais, 2026), obra coa que gañou o XLIV Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor 2025.
- Hoxe
- Ver máis