Libraría

Carlos Meixide presenta «Viva a comuna!» na Libraría NUMAX

A libraría NUMAX acollerá o mércores 29 de marzo ás 20h30 a presentación de «Viva a comuna!», de Carlos Meixide editado por Xerais. No acto, o autor estará acompañado polo poeta e dramaturgo Carlos Santiago. A entrada é libre ata completar aforo.

«Viva a Comuna!» é a crónica novelada dos sucesos que rodearon a proclamación e a derrota da Comuna de París na primavera de 1871. É a historia dunha revolución, o relato da toma do poder por parte das clases populares dunha cidade que naquela altura era o epicentro da modernidade. Novela de longo alento, ambiciosa e emocionante, nas súas páxinas cobran vida personaxes irrepetibles como Louise Michel, Eugène Varlin, Jules Vallès, Henri Rochefort, Nathalie Lemel ou Gustave Courbet, protagonistas dun tempo de esperanza que recorda na súa orixe e no seu destino tempos históricos máis recentes. Cun estilo envolvente e preciso, capaz de combinar o rigor histórico e a pulsión narrativa, Carlos Meixide recrea o ambiente dos distintos escenarios: clubs, tabernas, redaccións de xornais, barricadas... en que tivo lugar o primeiro gran combate entre o capitalismo e a clase traballadora. Unha novela vibrante sobre a condición humana, sobre a fraternidade e o compromiso, sobre a xustiza e o medo, sobre a ilusión e o fracaso.

Carlos Meixide (Vilagarcía de Arousa, 1977) é xornalista e escritor. A súa primeira novela, «O home inédito» (2005), foi a primeira novela galega publicada en Internet. Autoedita os seus libros para público mozo e adulto desde o ano 2015. Entre eles, destaca a serie «Os cinco de Ons», protagonizada por unha cuadrilla de adolescentes que se xunta nas vacacións arredor de diferentes misterios, e da que forman parte «Ons» (2015), «Cans» (2016), «Guitiriz» (2017), «Arousa» (2018) e «Portugal» (2022). En 2023 publica por primeira vez na colección Merlín a novela infantil «Ánxela e Spencer», finalista en dúas ocasións do Premio Merlín de Literatura. É tamén autor de «Inge e Robbie» (2016), «A memoria dos meus pasos» (2017) e «Camiño de paixóns» (2019), que recibiu o I Premio de Novela do Camiño de Santiago. «Viva a Comuna!» (2023) é a súa primeira obra na colección Narrativa de Xerais.