Libraría

Branca Novoneyra presenta o poemario «As cunchas baleiras» na Libraría NUMAX

A libraría NUMAX acollerá o mércores 31 de maio ás 20h30 a presentación de «As cunchas baleiras» de Branca Novoneyra editado pola Chan da Pólvora. No acto, participarán a autora acompañada do editor Antón Lopo e da poeta Olalla Cociña. A entrada é libre ata completar aforo.

Dez anos tardou Branca Novoneyra en escribir As cunchas baleiras, un libro que recolle unha serie de reflexións sobre o país e sobre a enfermidade, mais tamén sobre a propia natureza da política, na que ela se involucrou activamente durante unha década. Estes versos escuados ao tempo son testemuño da experiencia e da observación introspectiva, posición que lle permite construír unha particular linguaxe simbólica e mítica, propia da poesía da imaxinación. O silencio –asegura– vale máis que calquera concesión libresca e de acordo con ese principio, practica unha estratexia de máxima esixencia: concentra a palabra, ténsaa, próbaa no tempo e, se descubre que é verdadeira, gárdaa. A súa poesía está concibida para soster o pensamento desde un enunciado fragmentario, algo que en As cunchas baleiras se fai patente como en ningún dos libros que ata agora publicase. Compostela, por suposto, é a cidade das cunchas baleiras. No acto, que terá lugar o mércores 31 de maio ás 20h30 na Libraría NUMAX, a autora estará acompañada do editor Antón Lopo e da poeta Olalla Cociña.

Branca Novoneyra naceu en Lugo (1976) pero a súa infancia estivo estreitamente ligada ao Courel. Desde os sete anos vive en Compostela. Entre o 2002 e o 20013, dedicouse á creación coreográfica e docencia da danza no Laboratorio de Movementos. Tamén publicou poemarios –Dentro do Labirinto (2009) e Cristal Escuro (2012)– ou programou con Olalla Cociña o lendario programa de recitais Picaversos. Licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago, foi concelleira de Acción Cultural en Compostela do 2015 ao 2019. Actualmente traballa gardando o legado de Uxío Novoneyra na fundación que leva o seu nome e dirixe o Festival dos Eidos do Courel.