Un sicario é contratado para raptar unha figura prominente das letras, un poeta húngaro emigrado a París. A operación terá un xiro inesperado e ambos os dous protagonistas acabarán confrontados co seu pasado.
Con esta premisa arrinca O lanzador de coitelos, unha novela que parte dos códigos do thriller máis clásico para transcender o xénero cunha estrutura sofisticada e sedutora. A trama permitirá expoñer con eficacia un mundo de personaxes de identidades duplicadas e antagónicas.
Unha obra que nos fala sobre a liberdade e a memoria, sobre o fracaso e a corrupción humanas e, tamén, sobre esa busca que emprendemos para descubrir quen verdadeiramente somos: vítimas ou verdugos.
Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, 1975) exerce como profesor de Ensino Secundario. Traballa no eido do teatro escolar e afeccionado, sendo coordinador da agrupación escolar Tuéjele Teatro, do IES Fernando Blanco, de Cee, e membro do grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades pola xeografía galega. Cultiva todos os xéneros literarios, especialmente o teatro. Como dramaturgo, formouse nos talleres do Centro Latinoamericano de Creación e Investigación Teatral e recibiu recoñecementos como os premios Rafael Dieste, Álvaro Cunqueiro e Roberto Vidal Bolaño, entre outros. Algunhas das súas pezas son A derradeira bala (Galaxia, 2018), Pallaso (2020), Sincronizadas (2020), Ofelia ou o cabeiro da cóbrega (2020) e Papiroflexia (Galaxia, 2021). Como novelista, é autor de Miss Antropía (Galaxia, 2023) e Entomoloxía para misioneiros (Galaxia, 2023, Premio García Barros).