A Libraría acolle a presentación da colección FABA con «Primeiro espello» de Olalla Cociña
A editorial Fabulatorio estrea FABA, unha colección de poesía baixo a dirección editorial de Jesús Castro Yáñez, o venres 17 de abril ás 19:00h. A presentación será arredor do primeiro título publicado, Primeiro espello (Fabulatorio), de Olalla Cociña. A autora estará acompañada polo director da colección e polo músico Edu Poch. A entrada é libre ata completar aforo.
Primeiro espello intérnase aínda máis nos vieiros que Olalla Cociña xa fixera seus hai unha década en Vestir a noite, o que ata o de agora era o seu último libro de poemas: os relustros poderosos e algo amargos deses instantes de memoria que, cando se conquistan, aloulan pola súa intensidade, lóxicas inesperadas que se revelan evidentes unha vez que foron enunciadas.
O libro de Olalla Cociña inscríbese na literatura do onírico sen limitarse a transcribir a percepción dislocada dos soños, os seus contornos enganosos, senón querendo alumar a rareza deses cristais cunha luz distinta a través da súa incorporación ao poema. Son textos que sempre pesan moito menos ca a impresión que deixan, privilexian esa clase de sensación que vai esponxando, que medra por dentro e que precisamente é máis grande porque nunca se expón de todo.
Como sinala Ildefonso Rodríguez no preámbulo aos poemas, Olalla Cociña é unha escritora que suspende límites, traslada sentidos, vai cara ao inestable e o intermedio. «Nin durmidas podemos deixar de ser quen somos», apunta un dos versos, pero na súa escrita, Cociña tamén se desdobra continuamente, sobrevóase, obsérvase desde o teito do cuarto cando dorme. Estraños ángulos de cámara, unha intuición que se esguella para non se facer familiar de máis, para non ser allea ao traballo que dá recoñecerse.
Olalla Cociña (Viveiro, 1979) desde o 2004 publicou libros como Libro de Alicia, Ningún precipicio ou Vestir a noite, nos que alterna momentos de visión estartelada con escenas coma intuídas por un ollar apenas entreaberto. Os seus versos forman un xardín domesticado na xusta medida, delicado pero medio silvestre, alucinacións en flor que abanan nunha febre mansa.
Coorganizou o ciclo de lecturas poéticas Picaversos en Santiago de Compostela e formou parte da banda Atrás Tigre. Licenciada en Xornalismo, dedícase á docencia.
- Hoxe
- Ver máis