Cinema

Encontro A cor das palabras con Susana de Sousa Dias e Ansgar Schaefer na estrea exclusiva de «Viagem ao sol»

Unha semana máis tarde do encontro A cor das palabras con Pablo Marín, o ciclo que organizamos co Concello de Santiago continúa a súa actividade coa visita da parella de cineastas formada por Susana de Sousa Dias e Ansgar Schaefer, cuxa aula leva por título «Abrir a(s) historia(s). O proceso de realización de Viagem ao sol». A cita é o domingo 4 de xuño ás 11:30h.

A terceira cita do ano co encontro A cor das palabras, organizado polo Concello de Santiago e NUMAX, ten como protagonista a parella de cineastas formada pola portuguesa Susana de Sousa Dias e o alemán Ansgar Schaefer, dúas das figuras máis prestixiosas do panorama internacional no cinema de metraxe encontrada.

No encontro, titulado «Abrir a(s) historia(s). O proceso de realización de Viagem ao sol», De Sousa e Schaefer afondarán no proceso de investigación e creación que deu lugar ao seu último filme, que estreamos de maneira exclusiva en salas españolas o venres 2 de xuño. Viagem ao sol constrúese exclusivamente cos testemuños actuais e as imaxes de arquivo de nenos e nenas de orixe austríaca que foron enviados á Portugal salazarista ao remate da Segunda Guerra Mundial. Valéndose dun «prodixioso traballo sobre a banda sonora que crea literalmente un segundo filme» (Santiago Gallego), os cineastas establecen múltiples resonancias coa Europa actual así como unha fonda reflexión sobre as crianzas en situación de conflito.

O encontro terá lugar o domingo 4 de xuño ás 11:30h da mañá con acceso gratuíto até completar aforo polo que recomendamos reserva previa no correo [email protected].

Calendario de eventos

Co gallo da súa visita a NUMAX, De Sousa Dias e Schaefer ofrecerán presentación e coloquio de dous pases de Viagem ao sol así como de dous grandes filmes asinados en solitario pola cineasta lisboeta. Velaquí as citas da fin de semana:

  • Sábado 3 | 17:00 | Natureza morta: Coloquio posterior coa directora.
  • Sábado 3 | 19:15 | Viagem ao sol: Presentación e coloquio cos directores.
  • Domingo 4 | 11:30: Encontro A cor das palabras
  • Domingo 4 | 17:00 | 48: Presentación a cargo da directora e o produtor.
  • Domingo 4 | 19:10 | Viagem ao sol: Coloquio cos directores.