Presentacións e coloquios de «Anoche conquisté Tebas»
Achégase a estrea de Anoche conquisté Tebas, unha das películas máis evocadoras do último ano no noso cinema, e en NUMAX recibímola con dous pases especiais que contará con presentación e coloquio do seu director Gabriel Azorín, domingo 6 de setembro, e de Roi Carballido e María Becerra (produtores) o mércores 9.
Auga, vapor e palabras son os materiais principais de Anoche conquisté Tebas, primeira longametraxe do director albaceteño Gabriel Azorín que foi gravada integramente nas termas romanas de Bande. O filme, un dos máis sorprendentes e evocadores do último ano no noso cinema, explora a amizade masculina desde unha perspectiva contemporánea, íntima e emocional, na procura dunha nova sensibilidade.
A película chega a salas tras un espectacular percorrido por festivais internacionais con premios en certames como a SEMINCI (Premio Especial Fundos), a Biennale de Venecia (Mellor Fotografía e Guión), Belfort (Gran Premio Janine Bazin) ou Cineuropa Compostela, onde foi escollido mellor filme da última edición. Na súa produción, canda a valenciana Dvein Films e a portuguesa Bando à Parte, participou a produtora galega Filmika Galaika.
A estrea de Anoche conquisté Tebas en NUMAX, con pases diarios do 6 ao 12 de setembro, incluirá dous pases especiais para os que xa podes reservar butaca:
- Domingo 6 de setembro | 18:35h: Presentación e coloquio con Gabriel Azorín.
- Mércores 9 de setembro | 19:00h: Presentación e coloquio con Roi Carballido (produtor) e María Becerra (coordinadora de produción).
O director

[Foto: Amador Lorenzo]
Gabriel Azorín (Hellín, 1981) é licenciado en Dirección pola ECAM (Escuela de Cine de Madrid) e conta cun posgrao na Elías Querejeta Zine Eskola. Dirixiu as curtametraxes Los galgos, Mañana vendrá la bala, El ruído del universo e a mediametraxe documental Los mutantes. A súa obra proxectouse en festivais como San Sebastián, Entrevues de Belfort, Sevilla, Ficunam, Zinebi, Curtocircuíto ou Porto/Post/Doc. É membro do colectivo lacasinegra, cuxo traballo foi exhibido en centros de arte contemporánea como o CCCB (Barcelona), CentroCentro (Madrid) e o IVAM (Valencia). Complementa o seu labor como director con outras funcións como produtor e asesor de filmes como Azor (Andreas Fontana), H (Carlos Pardo Ros), La sangre es blanca (Óscar Vincentelli) e Ella i jo (Jaume Claret Muxart.