Cinema

Proxección de «Rose» e coloquio en liña con Sandra Hüller no Día Internacional do Cinema Europeo

En NUMAX sumámonos ao Día Internacional do Cinema Europeo coa proxección especial de Rose e un coloquio posterior en liña coa actriz Sandra Hüller. A cita é o 22 de novembro ás 19:30h con entradas xa á venda.

O domingo 22 de novembro celébrase o European Arthouse Cinema Day (Día Internacional do Cinema Europeo), un evento organizado pola CICAE (Confederación Internacional de Cinemas de Arte e Ensaio) da que NUMAX forma parte. A edición deste ano inclúe un evento moi especial coa proxección dun dos títulos máis agardados deste outono ―Rose, do alemán Markus Schleinzer―, que contará cun coloquio posterior online coa actriz Sandra Hüller. O evento conta coa colaboración da distribuidora Avalon e Promio, a Rede de Cinemas Independentes da que tamén participa NUMAX.

Xa se pode reservar butaca na nosa web ou billeteira para un evento que terá lugar o domingo 22 ás 19:30h.

Sinopse
A inicios do século XVII, un misterioso soldado chega a unha illada vila protestante de Alemaña afirmando ser o herdeiro dunha granxa abandonada. Aínda que se integra na comunidade e demostra ser un bo home, as sospeitas dos aldeáns sobre a súa identidade aumentan e obrigan a un axuste de contas.

«Sandra Hüller asombra de novo neste relato sobre os privilexios de xénero, impecablemente controlado» (Variety)