Arranca o Nocturama'26 co ciclo «Primeiros planos. Óperas primas de grandes cineastas»
As óperas primas teñen algo moi especial. Adoitan ser rabiosas, apaixonadas, impulsivas e imperfectas, con esa ilusión única do primeiro plano por rodar ou a primeira historia por contar. O Nocturama'26, ciclo co que cada ano amenizamos as noites de verán, leva por título Primeiros planos e reunirá, durante o mes de xullo, algúns dos debuts máis abraiantes da historia do cinema.
O ciclo atravesará diferentes épocas, culturas, idiomas e xéneros, desde a ópera prima dun dos mestres do mudo soviético —S. M. Eisenstein—, até os contemporáneos Kelly Reichardt, Alice Rohrwacher ou Oliver Laxe, pasando por clásicos do cinema indio —Satyajit Ray— ou norteamericano —Sidney Lumet, Terrence Malick— e os debuts de dous dos nosos cineastas de cabeceira: Andrei Tarkovsky e Aki Kaurismäki.
O ciclo prolongarase ao longo do mes de xullo, con dous pases por película. Comezamos a semana que vén con A infancia de Iván —mércores 1 de xullo—, e Malas terras —xoves 2—, ambas con entradas xa á venda na nosa web ou billeteira.
Non esquezas pedir a tarxeta do ciclo na billeteira da sala! Nela irás selando as túas entradas do ciclo e, se vés a 5 sesións, a 6ª vai da nosa conta. O cómputo terá continuidade no ciclo de agosto do Nocturama que anunciaremos nas vindeiras semanas (teredes algunha pista no boletín mensual de xullo).
Programación do ciclo

1 e 16 de xullo
A infancia de Iván (Ivanovo detstvo, Andrei Tarkovsky, 95', 1962)
Segunda Guerra Mundial (1939-1945) na fronte Oriental. Iván, un neno ruso de 12 anos cuxos pais morreron durante a invasión nazi, traballa espiando os alemáns.
2 e 20 de xullo
Malas terras (Badlands, Terrence Malick, 95', 1973)
Dakota do Sur, 1959. Cando o rebelde Kit Carruthers coñece a moza de 15 anos Holly Sargis, decide deixar atrás a súa mediocre vida e intentar acadar un triunfo sexa como sexa. Logo dun encontro co pai de Holly, ambos convértense en fuxitivos.
6 e 23 de xullo
Doce homes sen piedade (12 Angry Men, Sidney Lumet, 95', 1957)
Os doce membros dun xurado deben xulgar un adolescente acusado de matar o seu pai. Todos menos un están convencidos da culpabilidade do acusado. O que dubida tenta cos seus pensamentos introducir no debate unha dúbida razoable.
7 e 22 de xullo
Corpo Celeste (Alice Rohrwacher, 95, 2011)
Tras pasar dez anos en Suíza, Marta, a súa nai e a súa irmá loitan a diario para integrarse en Reggio Calabria, unha cidade do sur de Italia dominada pola mafia. Aínda que Marta trata de familiarizarse coas paisaxes, sons e aromas da cidade, segue considerándose unha estranxeira.
8 e 26 de xullo
Todos vós sodes capitáns (Oliver laxe, 79', 2011)
Ensaio visual a medio camiño entre o documental e a ficción, que á vez que retrata o Magreb relata a historia de Oliver, un profesor que propón a un grupo de crianzas rodar unha película en Tánxer.

9 e 21 de xullo
Pather Panchali (A canción do camiño) (Pather panchali, Satyajit Ray, 115, 1955)
Narra a historia dunha familia bengalí perseguida pola mala sorte. O pai, Harihara, é un sacerdote, curandeiro, soñador e poeta. Sabajaya, a nai, traballa para alimentar á súa familia, que recibe con alegría e esperanza a chegada dun novo fillo, Apu.
13 e 30 de xullo
Crime e castigo (Rikos ja rangaistus, Aki Kaurismäki, 93', 1983)
Adaptación da novela homónima de Dostoievski ambientada na Finlandia actual. Un ex-estudante de dereito irrompe no apartamento dun home de negocios e mátao aparentemente sen motivos. Nese momento chega Eva e aconséllalle que foxa.
14 e 28 de xullo
A folga (Stachka, S. M. Eisenstein, 94', 1925)
Rusia zarista. Os obreiros dunha importante empresa están descontentos e, despois dunha asemblea, deciden ir á folga. O director da empresa informa da situación aos responsables políticos e estes envían a policía para abortar a folga.
15 e 29 de xullo
River of Grass (Kelly Reichardt, 75', 1992)
Unha moza desencantada coa súa vida e un home igualmente perdido cren ter cometido un crime accidental. Convencidos de que non poden regresar ás súas casas emprenden unha errática fuxida polas marxes dos Everglades.
- Xoves
- Ver máis
-
-
O día da revelación
VOSE
-
-
Viva
VOSE
-
-
O día da revelación
VOSE
-