Libraría

Inventando timbroles, actividade para a cativada con Leticia Barbadillo

A Libraría NUMAX acolle a actividade Inventado timbroles, de Leticia Barbadillo, arredor do libro Timbrol e a pega (e os demais) (Xerais). Esta proposta, que se celebrará o sábado 30 de maio ás 18:00h, está pensada para cativada a partir de 7 anos en diante. A entrada é libre ata completar aforo.

Cando nace Timbrol, con el nace unha historia: a da pega que quería roubarlle o seu embigo. Mais as historias nunca veñen soas e na Aldea do Pé da Montaña ninguén queda sen a súa: orellas que levantan vendavais, brazos infinitos por mor da preguiza, rostros que alumean a noite e melenas que escurecen o sol. E unha pega, sempre unha pega, a axexar as vidas de Timbrol e dos demais. E ela, como non, tamén ten a súa propia versión da historia. En nove relatos entrelazados, cóntanse, con humor e un chisco de crueldade, as vidas de Timbrol e doutros inadaptados que só desexan atopar o seu lugar no mundo. Un libro sobre a identidade cheo de fantasía e tenrura, que pescuda se realmente as nosas historias son tan nosas como nos gusta crer.
 
Leticia Barbadillo Vázquez (A Coruña, 1983) estudou Comunicación Audiovisual porque quería ser guionista. Hai uns anos, reconduciu a súa carreira cara ao ensino e traballa como mestra de Educación Infantil na escola pública. Nai de tres fillos, participou nos blogs colectivos Se o vello Simbad tivese fillos e Sobre as cousas. A botella de lentellas, Premio Merlín de Literatura 2023, é a súa primeira obra publicada, á que segue Timbrol e a pega (e os demais) (Xerais, 2026).