Elena Medel presenta «Todos mis pecados y la mitad de mi dolor» na Libraría NUMAX
A Libraría NUMAX acolle a presentación de Todos mis pecados y la mitad de mi dolor (Seix Barral) de Elena Medel o mércores 18 de novembro ás 20:00h. A autora estará acompañada polo escritor Ismael Ramos. A entrada é libre ata completar aforo.
Don Jesús Guzmán Espinosa dedicou a súa vida ao estudo dun poema de lord Byron, O infiel. Experto en literatura romántica inglesa e herdeiro dunha saga familiar que ocupou un lugar privilexiado nunha cidade de provincias durante xeracións, o vello catedrático enfróntase agora ao seu maior medo: o tempo esgótaselle. A súa xubilación poñerá fin a unha carreira que durante anos bendixo e condenou o destino de alumnos e profesores.
Ao seu redor orbitan, entre outros personaxes atrapados baixo a súa influencia, o seu fillo Chus, un novelista en crise empeñado en non seguir os seus pasos e en separarse no posible do apelido familiar; Estefanía, unha estudante sen recursos cuxa intelixencia consegue espertar a admiración do profesor, e a tía Isabel, encargada de criar a Chus tras a morte da súa nai. Mentres a universidade se prepara para unha sucesión na que só un paso en falso separa a salvación do fracaso, os vínculos entre mestre, discípula e herdeiro comezan a tensarse ata o límite.
Elena Medel (Córdoba, 1985) publicou os poemarios Mi primer bikini (DVD, 2002), Tara (DVD, 2006) y Chatterton (XXVI Premio Loewe a la Creación Joven; Visor, 2014), reunidos en Un día negro en una casa de mentira (Visor, 2015); os ensaios El mundo mago (Ariel, 2015), Todo lo que hay que saber sobre poesía (Ariel, 2018) e Erudición sobre hormigas y rositas (CSIC, 2023); e as novelas Las maravillas (Anagrama, 2020), gañadora do Premio Francisco Umbral ao libro do ano e incluida na lista longa do Dublin Literary Award 2023, e Todos mis pecados y la mitad de mi dolor (Seix Barral, 2026). Os seus libros traducíronse a dezasete idiomas. Obtivo recoñecementos como o Premio Princesa de Girona 2016 e a beca BBVA 2021, foi finalista do The Eccles Institute & Hay Festival Award 2025 e foi escritora residente en institucións como MALBA, Arvo Pärt Centre ou Passa Porta. Traballou como editora, dirixindo o selo de poesía La Bella Varsovia (2004-2024) ou con proxectos como a antoloxía Libro de la guerra (Seix Barral, 2023), de Miguel Hernández, ou a anotación e revisión dos Diarios (Seix Barral, 2025) de Rosa Chacel. Colabora co suplemento La Lectura, do diario El Mundo, e os seus artigos publicáronse en medios como Frankfurter Allgemeine Zeitung e The New York Times. Hai vinte anos que vive en Madrid.
Fotografía: Laura C. Vela.