Libraría

Diego Ameixeiras presenta «O derradeiro gimlet» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de O derradeiro gimlet (Xerais) de Diego Ameixeiras martes 29 de setembro ás 19:00h. O autor estará acompañado polo editor Fran Alonso. A entrada é libre ata completar aforo.

Suspendido de emprego e soldo, Amador decide marchar unha tempada da cidade coa intención de poñer a cabeza en orde. Bebe demasiado, leva mal unha ruptura de parella e na Comisaría aínda se comenta o incidente violento que mantivo co inspector xefe. O seu destino é unha aldea costeira na que un compañeiro da Brigada lle deixa unha casa onde se aloxará nas seguintes semanas, mentres o inverno insiste en recruar con intensidade. Todo vai ben durante os primeiros días. Amador esfórzase por manter unha rutina ordenada, goza da soidade correndo pola praia e revisa os erros cometidos no pasado. Pensa que axiña regresará á cidade convertido nun policía distinto, a salvo dos seus impulsos. Pero as cousas cambian cando coñece a Lola e Ismael, dous enigmáticos habitantes da zona, que o arrastrarán a tomar unha decisión insospeitada. Con homenaxes ao fatalismo de James M. Cain e ao romanticismo de Charles Williams, O derradeiro gimlet presenta unha historia onde se entrecuzan crime, desexo e amoralidade nun medio natural inquietante. Escrita con aromas de «noir» clásico e guiada pola mellor tradición do xénero.

Diego Ameixeiras (Lausanne, Suíza, 1976), escritor e xornalista. Escribe en La Voz de Galicia. Publicou en Xerais todas as súas novelas: Baixo mínimos (2004); O cidadán do mes (2006); Tres segundos de memoria, Premio Xerais de Novela (2006); Dime algo sucio (2009), Premio Especial da Dirección da Semana Negra de Xixón; Asasinato no Consello Nacional (2010), Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro do Ano; Historias de Oregón (2011), Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia; Todo OK (2012); Matarte lentamente (2013); Conduce rápido (2014), Premio Losada Diéguez de Creación Literaria 2015, finalista Premio Hammett 2017; A noite enriba (2015), A crueldade de abril (2018); O cervo e a sombra (2021), Premio Nacional da Crítica, Premio Follas Novas, Premio Pata Negra-Domingo Villar e finalista do Premio Hammett; Un anarquista (2024), e O derradeiro gimlet (2026). Tamén é autor dos cómics Os suicidantes (2023), con Tomás Guerrero e Oficio nocturno (2026) con Fran Bueno.