Presentación e coloquio de «Emergency Exit» coa montadora Diana Toucedo
Este sábado 20 de decembro ás 19:15h proxectamos en pase único Emergency Exit, a última creación do director catalán Lluís Miñarro que supuxo ademais a derradeira interpretación da gran Marisa Paredes. O pase contará coa presenza da montadora da película, Diana Toucedo, para ofrecer presentación e coloquio do filme. Entradas xa á venda en web e billeteira.
Definida como unha road movie coral ou como unha traxicomedia que explora os límites entre soño a realidade, Emergency Exit é a última creación dunha figura esencial do cinema independente como Lluis Miñarro, autor de suxestivos filmes como Stella Cadente e Love Me Not e produtor de cineastas como José Luis Guerin, Marc Recha, Apichatpong Weerasethakul ou Manoel de Oliveira.
Trátase tamén da derradeira interpretación da icónica actriz Marisa Paredes, que puido ver unha versión case definitiva da obra antes do seu falecemento. Tras estrearse nos festivais de Tallin e Xixón, Emergency Exit chega ás salas e en NUMAX teremos a honra de recibir a visita da súa montadora, a galega Diana Toucedo, coa que conversaremos para afondar no proceso de construción do filme.

Diana Toucedo nace en Redondela, en 1982, e estuda o graduado de Cine e audiovisuais na especialidade de montaxe na ESCAC (Escola Superior de cinema i audiovisuals de Catalunya, Universidade de Barcelona) no 2008, e gradúase no Máster de Estudos de cinema e audiovisuais contemporáneos na Universidade Pompeu Fabra no 2011. Entre os seus traballos como montadora destacan La noche que no acaba (Isaki Lacuesta), O quinto evanxeo de Gaspar Hauser (Alberto Gracia), Bugarach (Ventura Durall, Salvador Sunyer, Sergi Cameron), A estación violenta (Anxos Fazáns), Penélope (Eva Vila), Young & Beautiful (Marina Lameiro) ou Los desheredados (Laura Ferrés). Como directora realizou varias curtas documentais e experimentais, debutando na longametraxe de ficción con Trinta lumes, presentada na Berlinale e San Sebastián. Actualmente traballa no desenvolvemento de Puerto deseado, rodado entre Arxentina e Galicia.
- Mércores
- Ver máis
-
-
Valor sentimental
VOSE
-
-
Kontinental ’25
VOSE
-