Libraría

Club de lectura: «Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes» con Alba Rodríguez Saavedra

O martes 19 de maio ás 19:00h celebrarase na Libraría NUMAX un club de lectura arredor do libro Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes (Laiovento) coa autora, Alba Rodríguez Saavedra. A actividade é de balde previa inscrición. Esta actividade conta co apoio da Federación de Librarías de Galicia e a Xunta de Galicia.

Ruth Matilda Anderson (Nebraska, 1893-Nova York, 1983), conservadorada da Hispanic Society of America, ficou na periferia dos rexistros literarios galegos durante case un século, mesmo malia ser a maior tradutora de Rosalía de Castro co par galego-inglés ata 1964. Neste libro desenmascáranse os diferentes mecanismos que, consonte o investigado por Alba Rodríguez Saavedra, desde 1939, operaron e operan para manter afastada do noso sistema Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña, a monografía referencial de Anderson sobre Galicia e a única desta tipoloxía que publicou. Nela, ademais das devanditas traducións e de presentar unha análise exhaustiva do país alicerzada na documentación histórica, literaria e etnográfica, reflíctese con claridade, a través da cesión da palabra ás protagonistas, a dureza da vida das mulleres rurais, así como o compromiso feminista de dúas escritoras paradigmáticas, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.

Ruth Matilda Anderson, investigadora, fotógrafa, tradutora e ensaísta, reivindicou a Galicia do campesiñado, das mulleres e da infancia, trasladando unha visión complementaria á que tradicionalmente ofreceu a nosa historiografía canónica. Esta subversión, baseada nun proceso de tradución de dobre vía (galego-inglés e inglés-galego), puido ser, consonte se argumenta neste libro, o motivo da súa expulsión ás marxes, desde onde agora é reclamada para recuperarmos os testemuños dun tempo e dunhas vidas que se nos ocultaran.

Inscrición Club de lectura Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes: pincha aquí.

Esta actividade conta co apoio da Federación de Librarías de Galicia e a Xunta de Galicia.

A libraría ofrecerá un 5% de desconto ás persoas que se anoten no clube de lectura e que queiran mercar os libros propostos en NUMAX.