NUMAX

Ven celebrar o 11º aniversario de NUMAX!

A cooperativa NUMAX cumpre once aniños e, como vimos facendo nos últimos anos, queremos celebralo con todas vós nunha xornada de portas abertas na que haberá proxeccións, sesión vermú con DJ, xogos de mesa e moitas máis sorpresas. A cita é este sábado 23 de maio ao longo de toda a xornada. Agardámoste!

Para arrancar as actividades do 11º aniversario de NUMAX, convidamos á cineasta Elena Duque a programar e presentar unha sesión de curtametraxes dirixidas a todas as idades. A selección creada por Duque para a ocasión leva por título Sharazan e ten como fío temático o mar. A sesión terá lugar na sala de cinema ás 12:00h con entrada libre até completar aforo.

A partir das 13:00h nas instalacións da Libraría celebraremos a nosa habitual sesión vermú amenizada pola santiaguesa Russ DJ, coñecida pola súa enerxía e a súa maneira de mesturar, sen poñerse límites de estilos, sempre poñendo énfase nos sons percusivos, na bass music e nos sons da cultura postclub.


Fotograma de À nous la liberté (René Clair, 1931)

Despois de xantar continuarán as actividades na sala de cinema. Ás 16:45h proxectaremos À nous la liberté, musical de 1931 dirixido por René Clair que ofrece unha visionaria sátira do consumismo e da mecanización do traballo industrial. Xa se pode reservar entrada na nosa web, sendo o acceso gratuíto para as abonadas de NUMAX escribindo un correo a [email protected] e indicando nome completo e título do filme.

A segunda sesión terá lugar ás 18:30h co filme de estrea desta semana, o moi emocionante Love Me Tender de Anna Cazenave Cambet protagonizada por unha incrible Vicky Krieps. De novo, a entrada será de balde para abonadas co mesmo sistema de reserva a través do correo [email protected].

Tamén ás 18:30h pero no espazo da Libraría dará inicio un xogo de preguntas e respostas no que poñeredes en práctica os vosos coñecementos sobre Cinema, Literatura e máis cuestións relacionadas coa Cooperativa NUMAX. Velaquí tedes o programa completo. Non faltedes!