NUMAX participa no WOS Festival coa proxección de tres documentais musicais
Un ano máis o Cinema NUMAX súmase ás actividades do WOS Festival, un evento que se celebra en distintos espazos da cidade, dedicado á cultura alternativa e de vangarda. Seguindo esta liña deseñamos un programa conxunto entre WOS Festival, Curtocircuíto e NUMAX que inclúe a proxección, os días 6, 7 e 8 de setembro, de tres filmes musicais nos que Nick Cave, Fred Frith e Mark Reeder serán os grandes protagonistas.
As proxeccións comezan o martes 6 de setembro ás 20:00 con Step Across the Border, un filme mítico de improvisación pura arredor do músico Fred Frith. En Step Across the Border conviven dúas formas de expresión artística: a música improvisada e o cinema directo, intimamente relacionados entre si. En ambas formas é o momento o que conta, o sentido intuitivo do que está a suceder nun espazo. Música e cinema fusiónanse na percepción e rexistro do momento, sen un plan preestablecido. Step Across the Border foi seleccionado polos críticos de Cahiers du Cinéma no ano 2000 como un dos 100 filmes máis importantes da historia.
O día seguinte, mércores 7 de setembro ás 20:00, chega a NUMAX WOS Festival: B-Movie. Lust & Sound in West-Berlin 1979-1989, unha apaixonante viaxe pola escena musical underground na Alemaña Occidental de antes da caída do Muro de Berlín. O filme conta coa participación de Mark Reeder, músico procedente de Manchester que nos conduce a un mundo subterráneo, trepidante e revolucionario no que se atopará, entre outros, con Nick Cave, Malaria! ou Einstürzende Neubauten. A caída do Muro, a fundación do Love Parade ou as manifestacións antibélicas de 99 Red Balloons, completan esta gran clase de historia a través da música.
Finalmente, o xoves 8 de setembro ás 20:00, celebramos un dos eventos do ano. Referímonos a Nick Cave: One More Time with Feeling, de Andrew Dominik, que vai ser proxectada o día antes do lanzamento de Skeleton Tree, álbum número 16 de Nick Cave & the Bad Seeds. A fita recolle o proceso de gravación do novo disco, acompañado de narracións e reflexións improvisadas de Cave. En branco e negro e cor, o resultado é un testamento fráxil, cru e verdadeiro dun artista tentando atopar o seu camiño no medio da escuridade. A partir da medianoite do xoves poderedes adquirir na Libraría NUMAX exemplares do álbum Skeleton Tree, en LP e CD.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
-
Bird
VOSG
-
-
As margaridas
VOSE