Chicho Sánchez Ferlosio e Amílcar Cabral protagonizan as vindeiras citas d'Os ollos verdes
Arte, resistencia e memoria son algúns dos ingredientes das próximas citas do ciclo Os ollos verdes para os meses de setembro e outubro de 2026, coa proxección de Chicho o Mientras el cuerpo aguante, de Fernando Trueba, e Amílcar, de Miguel Eek. Entradas xa á venda en web e billeteira.
A primeira das propostas recupera nunha estupenda restauración en 6K o documental que un mozo Fernando Trueba dedica en 1981 a Chicho Sánchez Ferlosio. Fillo do escritor falanxista Rafael Sánchez Mazas e irmán do escritor Rafael Sánchez Ferlosio, Chicho foi un dos máis importantes cantautores da música española antifranquista, con temas como "Gallo rojo, gallo negro", convertidos en auténticos himnos de resistencia.
O venres 25, o luns 28 e o mércores 30 de setembro terán lugar os tres únicos pases de Chicho o Mientras el cuerpo aguante (una comedia didáctica)

Xa no mes de outubro, o luns 19, achegarémonos á apaixonante figura de Amílcar Cabral, enxeñeiro agrónomo, escritor e dirixente revolucionario dos procesos de independencia de Guiné Bissau e Cabo Verde. O documental Miguel Eek ofrece en Amílcar un retrato poliédrico do moitas veces alcumado como o Che Guevara africano, apoiado en imaxes rescatadas de vellos Súper 8 e en informes policiais. O filme chega á nosa pantalla tras un exitoso percorrido en festivais que inclúe o premio a mellor filme no Play-Doc de Tui. A proxección do filme irá seguida dun coloquio en liña co seu director.
Acada 1 crédito ECTS da USC

Recorda que se estudas na USC podes acadar 1 crédito ECTS asistindo ás proxeccións do ciclo. Ademais, coa túa inscrición poderás gozar destas proxeccións cunha tarifa especial reducida de 4,5€. Só tes que seguir os seguintes pasos:
- Solicita a túa tarxeta do ciclo na billeteira da sala e pide que che selemos cada visionado do ciclo.
- Asiste ás proxeccións dos títulos etiquetados como Os ollos verdes ou Repertorio.
- Ao completar 10 visionados elabora o teu traballo (elixe unha das opcións)
- Texto: mínimo 5.000 caracteres (con espazos)
- Vídeo: entre 2 e 15 minutos - Envía o teu traballo a [email protected]