Libraría

A Libraría NUMAX viaxa ao S8. 7ª Mostra de Cinema Periférico da Coruña

Un ano máis, a Libraría NUMAX estará presente no S8, Mostra de Cinema Periférico, cunha selección de novidades editoriais arredor do cinema máis arriscado e anovador. O posto de venda ao público da Libraría NUMAX emprazarase na sede central do S8, situada no edificio Afundación da Coruña (Cantón Grande, 21-23), do xoves 2 ao sábado 4 de xuño.

Achégase o arranque dunha nova edición do S8, un dos certames cinematográficos máis estimulantes do panorama actual, e NUMAX non quere perder a ocasión de participar cunha selección de libros e filmes que procurarán estabelecer un diálogo coas principais liñas de programación da mostra. Desde xeito, entre as propostas da Libraría NUMAX para o S8 figuran edicións en DVD de cineastas cuxas obras protagonizan o catálogo do festival na edición deste ano, como son o caso de Germaine Dulac ou Nicky Hamlyn, canda filmes en DVD doutros cineastas fundamentais do cinema experimental, como Boris Lehman, Guy Sherwin, Stephen Dwoskin, Peter Emanuel Goldman, Maya Deren, Marcel Hanoun, Jonas Mekas, Hans Richter ou Kenneth Anger, cabo de coleccións en forma de pack tales como Apología/Antología, Angular 01 ou Del trazo al píxel.

Ademais, no posto da Libraría NUMAX poderedes atopar textos de recente publicación como Cine Quieto #1, de Gloria Vilches, Kino-Eye The Writings of Dziga Vertov, Por un arte de la visión de Stan Brakhage ou novidades da editorial arxentina Caja Negra entre as que destaca o recente A propósito de Godard. Conversaciones entre Harun Farocki y Kaja Silverman. No apartado das publicacións periódicas teredes acceso aos últimos números de revistas como Found Footage ou Unstate.

Estas son só algunhas das propostas da Libraría NUMAX que poderedes adquirir no noso posto de venda durante o S8, do xoves 2 ao sábado 4 de xuño, na sede Afundación da Coruña.