A Libraría NUMAX acolle a presentación de «Tocadoras do Val do Dubra» con David Fontán, Lucía Santiago e Carlos Rey

As investigadoras David Fontán, Lucía Santiago e Carlos Rey presentarán Tocadoras do Val do Dubra (aCentral Folque) o xoves 15 de maio ás 19:00h na Libraría NUMAX. A entrada é libre ata completar aforo.
Tocadoras do Val do Dubra é o novo libro da colección Chave Mestra, unha liña editorial de aCentral Folque centrada en personaxes históricos do patrimonio musical e oral galego que restaca e pon en valor a súa memoria e arte. Val do Dubra é un deses lugares que forman parte do maxín de músicos e investigadores interesados na música tradicional galega, tanto pola súa riqueza como por ternos deparado temas fundamentais para o imaxinario colectivo contemporáneo, como “Por que non hei de cantare”. Son moitas as persoas que nos últimos corenta anos se achegaron a realizar gravacións de campo, un proceso que xurdiu, sobre todo, a partir do impulso dado por dúas persoas pioneiras nesa tarefa: Carlos Rey e José Manuel Iglesias “Chiño”.
En 1992, dez anos despois das primeiras gravacións, os dous investigadores reuniron un grupo de mulleres de distintos lugares do concello para unha nova recollida. Aquel encontro realizado hai máis de trinta anos deu lugar a uns rexistros de enorme valor histórico que compilan unha parte fundamental do patrimonio oral de Val do Dubra e que, por avatares do destino, non puideron ver a luz, ficando no caixón do esquecemento… Até agora.
Formado como historiador e xornalista, a experiencia profesional de David Fontán Bestilleiro (A Coruña, 1992) xira en torno á comunicación e a investigación histórica, especialmente do mundo rural. Actualmente desenvolve a súa tese de doutoramento no grupo de investigación Histagra da USC. Vinculado ao mundo da música tradicional desde moi novo, ten pasado por varias escolas e formado parte de diversas asociacións e grupos, ademais de impulsar iniciativas como Punto e Volta ou Ardelloeixo e de traballar para aCentral Folque en distintos proxectos.
Lucía Santiago Sanmiguel (Senín, Valga, 1992) formouse no ámbito das linguas, a cultura e o patrimonio. Na actualidade é investigadora especializada no ámbito patrimonial cun enfoque que se dirixe cara aos procesos de socialización e valorización do mesmo. Ten participado en diversos proxectos relacionados coa cultura inmaterial, aportando a súa experiencia na recuperación da memoria e da tradición oral. O seu interese e sensibilidade sobre estes aspectos tamén a levan a explorar o mundo da música e o baile tradicionais, cos que está vinculada tras pertencer a diferentes asociacións.
Carlos Rey Cebral (Vilagarcía, 1957) é historiador, músico, folclorista e investigador especializado en patrimonio musical galego. Conta con once libros publicados sobre temas da cultura popular galega, multitude de artigos en diversas revistas e un total de trece discos con obras compiladas nos seus traballos de campo. Entre elas destacan os tres volumes que dirixiu para a discográfica TECNOSAGA e que supuxeron un fito na divulgación e estudo da música patrimonial galega: Derradeira polavila (1985), Os ritmos bailables (1987) e O Cicro do ano (1989) . Entre as súas últimas publicación destaca a monografía A Farsa do Carril. Unha danza de espadas histórica (C. Vilagarcía, 2023) e Manuel López López. O gaiteiro de Poso (aCentral Folque, 2017).