Libraría

Fernando González Gándara presenta o ensaio «Verdade e acción» na Libraría NUMAX

Fernando González Gándara presenta o ensaio, Verdade e acción. A certeza pragmática, editado por Euseino? Na actividade, que terá lugar o mércores 10 de abril ás 19h30 da tarde, o autor estará acompañado da filósofa Uxía Rivas, da actriz Sabela Hermida e do presidente da Fundación Euseino? Carlos Lema. A entrada é libre ata completar aforo.

Xa hai tempo que non cabe agardar que a ciencia produza verdades inapelables, capaces de fulminar por si mesmas as crenzas falsas e as opinións interesadas. No seu lugar, e no mellor dos casos, ofrécense consensos de expertos, baseados en hipóteses e teorías sometidas a unha revisión permanente. Esta situación non cadra coa idea común segundo a cal a realidade é algo que está aí, agardando a ser descuberta, nin coa de que o coñecemento verdadeiro é o que se adecúa a ela. Para Fernando González Gándara, a persistencia dese concepto de verdade como adecuación é o que impide comprender e valorar na súa xusta medida esas verdades en proceso indefinido de elaboración.

A través dunha orixinal interpretación da filosofía de William James, o autor deste libro defende un concepto pragmático de verdade segundo o cal esta se fundamenta nos seus efectos prácticos e na actividade na que se producen. Unha idea sinxela que implica unha radical transformación do noso xeito de entender a experiencia e a realidade.

Fernando González Gándara (Ourense, 1962), catedrático de filosofía de ensino ­se­­cundario, doutorouse na Universidade de Santiago de Compostela cunha tese dedicada ao pragmatismo de William James e á súa teoría da ­verdade. Publicou artígos sobre o prag­­matismo e a noción de expe­rien­cia pura na obra de James, ademais dos ­ensaios “La verdad como construcción”, in­­cluí­do no libro Ciencia ante el público. Cultura humanista y desarrollo científico-tecnológico (Ediciones de la Universidad de Salamanca, 2003) e, en colaboración con Uxía Rivas Monroy, “The Pragmatic Realism Of Hilary Putnam” no libro colectivo Following ­Putnam’s Trail: On Realism and Other Issues (Ro­dopi, 2008).