O cinema volve ao centro de Compostela con NUMAX
Abre en Compostela NUMAX, unha cooperativa de traballo sen ánimo de lucro que pon a andar un cinema, unha libraría e un laboratorio gráfico e de vídeo.
Logo de máis de ano e medio de traballo e case catro meses de obras, estamos moi contentos de podervos anunciar que a inauguración pública de NUMAX (Cinema NUMAX, Libraría NUMAX e Laboratorio NUMAX) terá lugar o vindeiro mércores 18 de marzo ás 12:00 coa proxección de Nubes pasaxeiras nun pase de cortesía de acceso libre e aberto ao público ao que vos convidamos a asistir.
O filme, dirixido polo finlandés Aki Kaurismäki en 1996 e que agora reestreamos na súa versión dixital restaurada a 2K, terá a súa estrea internacional en NUMAX (primeira vez que esta copia se proxecta fóra do seu país de orixe) e protagonizou tamén a sesión especial de pre-apertura que desde NUMAX lles ofrecemos en pase privado a aquelas persoas que nos avalaron economicamente e que fixeron posíbel a nosa existencia e o préstamo de 300.000€: os nosos avalistas.
Para esta preestrea, que tivo lugar o pasado venres 13 de marzo ás 20:00, contamos coa visita por sorpresa e totalmente inesperada do realizador do filme, Aki Kaurismäki, que apadriñou o noso proxecto presentando e dirixiuse así ao noso público: “NUMAX é o proxecto máis louco do que nunca ouvín falar, pero están pola cultura e eu tamén”.
Aki chegou conducindo desde a súa morada portuguesa en compañía da súa muller, a pintora Paula Oinonen, presentou o filme e compartiu connosco momentos que non esqueceremos. Así que o proxecto non puido comezar con mellor pé.
O Cinema NUMAX
O Cinema NUMAX conta cos últimos estándares de proxección dixital, posúe 70 prazas máis unha de mobilidade reducida e traballa co estándar DCI para proxección en 4K. É a única sala independente de Galicia que traballa unicamente con versión orixinal subtitulada e está aberto de martes a domingo con sesións cada día ás 12:00, ás 16:00, ás 18:00, ás 20:00 e ás 22:00 (horarios de referencia).
Durante este mes de marzo, poderanse ver en NUMAX Nubes pasaxeiras (Aki Kaurismäki, 1996), Numax presenta (Joaquín Jordà, 1979), Maps to the Stars (David Cronenberg, 2014), A besta humana (Jean Renoir, 1938), Costa da Morte (Lois Patiño, 2013), Pasolini (Abel Ferrara, 2014) e Puro Vicio (Paul Thomas Anderson, 2014)
A programación
O Cinema NUMAX proxectará entre 6 e 8 filmes diferentes cada mes (120 proxeccións por mes) divididos en tres seccións principais: Estreas: Os filmes máis recentes da carteleira, proxectados nas mellores condicións técnicas e sempre en versión orixinal subtitulada no único cinema do centro da cidade. Repertorio: Reestrea en copias novas de filmes rodados en celuloide e dixitalizados en 2 e 4K, a partir do escaneo dos negativos orixinais. Volve a ver nunha sala os teus filmes preferidos e os clásicos da historia do cinema. Os ollos verdes: Os ollos verdes é o nome da sección do cinema NUMAX na que se estrean aqueles filmes que traballan por anovar e reformular as maneiras de ver e contar e que non atopan adoito un espazo nas carteleiras. Les yeux verts, “os ollos verdes”, é o título dunha compilación de imaxes e textos propios que Marguerite Duras reuniu en xuño de 1980, cando Cahiers du cinéma a convidou a coordinar un número especial. O cinema baixo o que Marguerite Duras enunciaba o seu “nós”.
A libraría
A Libraría NUMAX posúe un fondo inicial de 3.000 volumes cunha selección das novidades máis destacadas do panorama editorial, combinadas cun fondo de Literatura, Arte e Pensamento que permite a convivencia entre os distintos títulos do catálogo, de maneira que se creen entre eles diálogos e relacións novas. O seu funcionamento como libraría virtual axiliza e amplía o noso catálogo físico.
En colaboración co cinema NUMAX, crea percorridos bibliográficos que acompañen os filmes programados. Está pensada como unha libraría internacional, na que o fondo galego e castelán conviva cunha selección de libros noutras linguas. Mediación cultural. Unha libraría atenta ao que pasa na cidade, con capacidade de dialogar e abrir novos focos de interese. Equipo humano con formación profesional específica e experiencia previa en toda a cadea de valor do libro. Servizos. Ofreceremos tamén todo tipo de servizos en función das necesidades de empresas, bibliotecas, centros educativos e institucións.
O Laboratorio
A terceira peza de NUMAX é un estudio de deseño gráfico e produción audiovisual. O laboratorio NUMAX, que ocupará un espazo de 30m2 no semisoto do local, serve tamén de oficina desde onde se coordina toda a actividade interna da cooperativa e onde se procura a vertebración, creación e renovación constante do proxecto.
Ao tempo, o laboratorio NUMAX ofrece servizos a clientes particulares ou empresas que cubren un amplo abano de traballos nos campos do deseño gráfico, a comunicación e a produción audiovisual.
Deseño. Entendemos o deseño dun xeito transversal, buscando ideas e solucións de comunicación para todos os medios, sexan en papel, en soportes dixitais ou na rúa. Asumimos tamén tarefas de consultoría gráfica e dirección artística.
Edición. Contamos cunha ampla experiencia na produción de libros e revistas, un terreo sobre o que habemos traballar aproveitando as posibilidades de distribución da nosa librería.
Vídeo. A nosa dotación tecnolóxica permítenos abranguer todo o proceso de produción de imaxe en movemento, desde a gravación até a edición, postprodución e entrega final do produto no soporte requirido para cada caso. Para traballos que precisen da súa finalización nun soporte físico facémonos cargo da autoría e edición de DVD e BluRay, de todo tipo de transfers dixitais, da conversión e exportación en calquera formato, subtitulado e creación de DCP.
Datos técnicos do Cinema NUMAX
O cinema NUMAX dispón de 70 butacas numeradas (fabricadas e instaladas por Sociedad Cooperativa Obrera Ezcaray Internacional) + 1 praza para persoas con mobilidade reducida e pantalla ignífuga microperforada de 446x190 cms para un aspect ratio 2.35:1 Cinemascope.
Está equipado cun proxector SONY DCI 4K modelo SRX 515P, que permite a proxección de todos os estándares de cinema dixital e alta definición e dispón do seguinte equipamento de son profesional: Rack KCS SK-30P (F585); procesador Dolby CP750; 3 amplificadores QSC ISA750; 3 KCS 2 vías pasivo S-1500; 2 KCS C-118-PLP para subgraves e 6 KCS para ambiente surround SR-8-A.
As dúas ventás de proxección Spectra Glass habilitan a sala para actos e presentacións profesionais con vídeo de alta definición así como para a utilización de proxectores portátiles de 16mm. e 35mm. sen necesidade de modificar a configuración do proxector DCI.
A sala do Cinema NUMAX foi deseñada e executada por Hábitat Social.
O proxecto técnico de instalacións da sala e mailo asesoramento especializado son responsabilidade do equipo profesional de Suministros Kelonik, S.A.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
-
Bird
VOSG
-
-
As margaridas
VOSE