Cinema

Presentación e coloquio de «Romería» con Alberto Gracia

Falta moi pouco para a estrea oficial en salas de Romería, a agardada película de Carla Simón gravada na Ría de Vigo. Para recibila temos un evento moi especial para vós coa visita do director ferrolán Alberto Gracia, que debuta como actor no filme, para ofrecer presentación e coloquio. A sesión terá lugar o sábado 6 de setembro ás 19:00h con entradas xa á venda.

Na súa terceira película tras as emocionantes Estiu 1993 e Alcarràs, Carla Simón continúa a explorar as súas orixes familiares cunha historia de ficción fondamente enraizada na súa propia biografía. A protagonista de Romería é Marina, unha rapaza adoptada desde moi pequena, que viaxa a Vigo para se encontrar por vez primeira coa familia de seu pai biolóxico. A súa chegada trae de volta un pasado xa soterrado. Guiada polo diario de súa nai e a través dunha conexión especial co seu novo curmán, Marina descubrirá as feridas familiares e poderá por fin revivir a memoria fragmentada duns pais dos que apenas ten recordos. 

Pola súa banda, Alberto Gracia é un habitual en NUMAX, onde temos proxectado obras como La estrella errante ou a máis recente La Parra. Co seu sobresaliente papel de Iago, tío da protagonista, debuta en Romería como actor.