A Libraría acolle a presentación de «Pábilum» de Xaime Martínez
Xaime Martínez presenta Pábilum (Ultramarinos) o venres 5 de xuño ás 19:00h na Libraría NUMAX. O autor estará acompañado polo escritor Ismael Ramos. A entrada é libre ata completar aforo.
Tras o seu poemario Cuerpos perdidos en las morgues (Ultramarinos, 2018), que lle valeu a Xaime Martínez o Premio Nacional de Poesía Joven «Miguel Hernández», e despois de tomar a decisión de consagrar a súa escritura á lingua asturiana, o autor entréganos —recorrendo de novo en certo xeito aos mortos— outra mostra de vitalidade poética, que desde xa merece facerse un oco entre o mellor das letras peninsulares recentes pola súa contribución á linguaxe.
Radicado —porque non se pode mirar para outro lado— no contexto presente do Movimientu pola oficialidá de la llingua asturiana, Xaime Martínez (Uviéu, 1993) recorre á tradición do etnodrama, un concepto da antropoloxía teatral que, como sucede neste libro, escenifica a dimensión ritual dunha identidade cultural, a asturiana neste caso.
A reunión ao redor do lume dun poeta e unha sarta de ilustres mortos (noite de Walpurguis tomada polo orbayo), unha extravagante mascarada de inverno (con son Nova Orleans de fondo: «my grandma and your grandma / Were sittin’ by the fire») e unha epopea zoomórfica protagonizada polo salmón «das escamas de ouro» son as tres partes dun cadro que segue apostando pola intelixencia proteica como forma de expresión da enerxía popular.
Acompaña ao texto orixinal a súa tradución ao castelán, a cargo do poeta Fruela Fernández, cuxa propia obra aborda tamén as conexións entre linguaxe e identidade.
Xaime Martínez (Uviéu, 1993) é autor dos poemarios en castelán Fuego cruzado (Hiperión, 2014: Premio de Poesía Joven «Antonio Carvajal») e Cuerpos perdidos en las morgues (Ultramarinos, 2018: Premio Nacional de Poesía Joven «Miguel Hernández»). En asturiano publicou o poemario Hibernia (Ediciones Saltadera, 2017) e Pábilun · Pábilun (Ultramarinos, 2025: con tradución ao castelán de Fruela Fernández). Os seus poemas foron traducidos al inglés, ao sueco e ao catalán. É autor da novela La fuercia (Hoja de Lata, 2021), traducida tamén ao castelán: La fuerza (Malastierras, 2023). É responsable do selo de literatura en asturiano Cierva y Culebra Ediciones.
- Hoxe
- Ver máis