PAPEL E PRATA #04 «Agarrar o pasado», con Luis López Carrasco e Alejandro Gándara Porteiro
O xoves 1 de outubro ás 19:00h na Sala de Cinema terá lugar o derradeiro encontro da actividade PAPEL E PRATA baixo o título «Agarrar o pasado» cos directores Luis López Carrasco e Alejandro Gándara Porteiro. Esta actividade está comisariada pola Libraría NUMAX e subvencionada pola Deputación da Coruña. Para realizar a reserva hai que escribir ao correo de [email protected] indicando nome completo e un teléfono de contacto.
Unha compoñente clave do cinema e a literatura é o seu rol de testemuño e rexistro da Historia. Tanto a través da narración –a miúdo interesada– como da materia en bruto que compón o arquivo, estas artes permítennos achegarnos desde o presente aos tempos que xa foron. Nesta cuarta sesión reunimos aos cineastas Luis López Carrasco e Alejandro Gándara Porteiro para indagar nas maneiras de agarrar algo tan esquivo e disputado como o pasado, empregado como base de obras que pensan criticamente a citada Historia para pensar tamén a contemporaneidade. A través de filmes como El año del descubrimiento ou 360 Curvas, abordaremos as posibilidades na lectura (e relectura) dos materiais documentais, na montaxe (e remontaxe) dos fragmentos que fican ou na análise da pelexa pola hexemonía dos relatos, particularmente nos marcos galego e español desde o século XX ata a actualidade.
Luis López Carrasco (Murcia, 1981) é cineasta e escritor. Cofundador do colectivo audiovisual Los Hijos, co que traballou na fronteira entre o cinema de vangarda, a investigación etnográfica e a vídeoarte, o seu traballo como director en solitario foi proxectado en festivais e centros de arte do prestixio de Locarno, Rotterdam, Toronto, o Centro Pompidou ou o Reina Sofía. Ademais de curtametraxes como Aliens (2016) realizou as longas El futuro (2013) e El año del descubrimiento (2020), recoñecida con premios entre os que destacan os Goya ao Mellor Documental e á Mellor Montaxe polo seu abordar da crise da reconversión industrial en Cartagena. Como escritor, en 2023 gañou o Premio Herralde de Novela pola obra El desierto blanco (Anagrama), a que se enfronta aos problemas do primeiro cuarto do século XXI desde unha perspectiva futura. En 2025 reeditouse o seu primeiro libro, Europa (Anagrama, 2025), narrativa breve enmarcada na ciencia-ficción. Combina estes labores coa docencia e a investigación, ámbitos nos que traballou na ECAM, a ESCAC e a Universidade de Castilla-La Mancha, ademais de recibir unha bolsa Fulbright no Departamento de Español e Portugués da Universidade de Pensilvania.
Alejandro Gándara Porteiro (Baio, 1993) é graduado en Xornalismo pola USC e Máster en Produción Executiva Audiovisual (MPXA) pola UDC. Comezou no audiovisual vinculado a proxectos de corte xornalístico e cultural, e co paso dos anos foise achegando ao cinema documental. Ten especial interese en temas como a transmisión de memoria, a relación das persoas co territorio e o diálogo entre épocas, que aborda moitas veces desde o traballo con arquivos. Produciu e codirixiu a longametraxe Dorothé na Vila, finalista nos Mestre Mateo nas categorías de mellor documental e montaxe. Tamén codirixiu a serie documental de TV Galicia de 20 a 20, sobre as expedicións galegas da fotógrafa Ruth Matilda Anderson. En 2025 estreou a longametraxe documental 360 Curvas, que percorre o presente da Fonsagrada á luz dos conflitos sociais que marcaron alí os anos 90, gañadora do Mestre Mateo a mellor documental. Os seus traballos teñen participado en festivais de toda a península Ibérica, coma o Festival Internacional de Cine de Xixón, Alcances, Family Film Project, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (Mice), Cineuropa, Novos Cinemas ou Playdoc. Desde 2024 é coordinador dos Premios Fouciño, festival de curtametraxes celebrado en Baio, que busca promover o cinema nos centros educativos e darlle un impulso aos novos talentos. Ademais de producir e dirixir os seus propios proxectos, ao longo dos anos ten traballado no desenvolvemento de formatos de non ficción, redactando e presentando memorias para subvencións e realizando edición de vídeo.
