Cinema

Arranca o ciclo de agosto no Nocturama: «Xa están aquí! Fotogramas extraterrestres»

En NUMAX recibimos o mes de agosto dispostas a emprender emocionantes aventuras intergalácticas, explorar novos planetas ou recibir a visita de enigmáticos seres procedentes do espazo exterior. Xa están aquí! Fotogramas extraterrestres é o título do ciclo Nocturama, con sete grandes películas de ciencia ficción que, ao longo das décadas, ten sido empregado como medio de evasión e entretemento, mais tamén como metáfora dun determinado tempo histórico e político.

Xa podes reservar entrada para as sesións da primeira semana do ciclo, que enceta o luns 3 de agosto coa emblemática Encontros na terceira fase, de Steven Spielberg. Non esquezas que coa tarxeta do Nocturama podes conseguir entradas gratuítas xa que se vés a 5 películas, a 6ª vai da nosa conta. Este cómputo incluirá as entradas acumuladas no ciclo de xullo, dedicado ás óperas primas de grandes cineastas.

Programación do ciclo

3 e 31 de agosto
Encontros na terceira fase (Close Encounters of the Third Kind, Steven Spielberg, 132', 1977)
Unha noite, preto da súa casa, en Indiana, Roy Neary observa no ceo uns misteriosos obxectos voadores. Desde entón vive tan obsesionado por comprender o que viu que se distancia ata da súa esposa. Atopa apoio nunha muller que tamén foi testemuña dos mesmos feitos, e xuntos intentan atopar unha resposta ao misterio que alterou as súas vidas. 

4 e 17 de agosto
O planeta salvaxe (La planéte sauvage, René Laloux, 73', 1974)
No afastado planeta Ygam viven unhas criaturas xigantescas chamadas “Draags” que domesticaron aos pequenos "Oms", seres humanos que están a ser exterminados. Pero un Om consegue escapar..

5 e 20 de agosto
Están vivos (They Live, John Carpenter, 94', 1988)
Un traballador atopa casualmente unhas lentes que permiten ver ás persoas tal e como son. Grazas a elas descubrirá que importantes personaxes da vida política e social son en realidade extraterrestres. Durante a súa particular cruzada poderá observar como estes alieníxenas foron sementando o mundo de mensaxes subliminares coas que pretenden converter ao ser humano nunha raza de escravos. 



6 e 18 de agosto
Kin-Dza-Dza (Georgi Daneliya, 136', 1986)
Dous humanos son teletransportados por accidente, ao pulsar o botón que non debían, a un planeta chamado Plyuk na galaxia de Kin Dza Dza. Os estraños habitantes deste afastado sitio son de aparencia humana e entenden o ruso, despois de ler a mente a un dos terrícolas. Son unha civilización moi avanzada tecnoloxicamente, pero moi atrasada no aspecto social.

10 e 19 de agosto
Whitout Warning (
Robert Iscove, 100', 1994)
Os programas de televisión de todo o mundo son interrompidos para avisar dunha demoledora nova: tres meteoritos veñen directos cara a Terra. As autoridades cren que se achegan por causas naturais e póñense en marcha para destruílos antes de que sexa tarde de máis.

11 e 24 de agosto
Aelita (Yakov Protazanov
, 110', 1924)
Aelita, a raíña de Marte, farta de vivir sometida ao seu despótico pai, lanza unha chamada de socorro á Terra. Tras descifrar a mensaxe, un enxeñeiro ruso, ao que se une o revolucionario Gusev, emprende unha viaxe a Marte na nave que construíu.

13 e 27 de agosto
Ultimato á Terra (The Day the Earth Stood Still, Robert Wise, 89', 1951)
Unha nave extraterrestre chega á terra coa misión de entregar ao ser humano unha importante mensaxe. O mundo enteiro fica conmocionado o día en que, sen previo aviso, un platillo aterra en Washington e del sae Klaatu, un alieníxena de aspecto humano acompañado de Gort, un ameazante robot.