Libraría

Encontro arredor do libro «Diario de dúas casas» de María Villamarín na Libraría NUMAX

O próximo xoves 13 de xullo ás 19.30 da tarde a Libraría NUMAX acollerá a presentación de «Diario de dúas casas» de María Villamarín. Esta novela é o segundo título da colección Rúa do Lagarto que edita euseino?. Intervirán tamén a editora Berta Dávila Carlos Lema, presidente da Fundación Euseino?. A entrada é libre ata completar aforo.

A protagonista de Diario de dúas casas experimenta un desprazamento dobre. A distancia entre a cidade na que vive e estuda e a aldea onde naceu —e onde está a súa casa familiar— convértese nun camiño de ida e volta. O seu tránsito frecuente é tamén un movemento interior, atravesado e unido pola escritura de cadernos. Neles agroma unha sorte de desconcerto, a colisión entre dous mundos e dúas formas de vida, as fisuras e as tensións das relacións familiares, a amizade como nova forma de pertenza e, finalmente, a lectura como acubillo escollido, como casa propia. María Villamarín configura nestas páxinas unha obra narrativa singular e única, a fundación dunha escritura xenuína e evocadora, cristalina e profunda, onde casa e caderno poden ser a mesma cousa, tan real e tan presente para quen escribe como para quen le.

O diario narra episodios con continuidade temporal mais desta volta faino cunha levidade tan abraiante coma engaioladora. Episodios que se centran en imaxes de sucesos correntes da vida aos que a autora logra dotar dun senso e unha capacidade metafórica nada común que acaba sorprendendo pola forza literaria coa que consegue apreixar a vida común das persoas.

María Villamarín naceu en Casas da Veiga, na comarca d'A Limia, en 1989. Formouse en xornalismo e estudos literarios na Universidade de Santiago de Compostela, e traballou nos equipos de comunicación de diferentes proxectos culturais. Ao tempo, autoeditou os fanzines Madreselva e Florilège e foi parte como teclista e cantante do grupo Esposa, co que gravou l LP "Xardín interior" e os EPs "Belo Horizonte" e "É o que hai". Actualmente, traballa como libreira na cooperativa NUMAX, onde participa tamén da xestión de redes sociais e comunicación do proxecto.

Fondo NUMAX
Esta presentación será incluída no fondo NUMAX da Fundación Euseino? grazas ao acordo de colaboración creado entre as dúas entidades o pasado mes de abril. Con este encontro, iniciase a organización de actividades de tipo cultural nun marco máis amplo de colaboración entre as dúas entidades culturais independentes para a difusión da cultura en idioma galego.