Paseo literario e artístico pola natureza para presentar «Los ojos de los árboles» da poeta María do Cebreiro
A poeta María do Cebreiro presentará o próximo sábado 16 de novembro o seu libro Los ojos de los árboles, un proxecto literario desenvolvido grazas a unha bolsa Leonardo de Investigación Científica e Creación Cultural da Fundación BBVA. Tras unha breve presentación, cunha repartición gratuíta de exemplares do libro e un set de carbóns de debuxo, farase un paseo literario e artístico pola natureza—dirixido a un público diverso cunha chamada especial para o público infantil— desde a Alameda a Vista Alegre. Esta publicación conta coa colaboración co Museo de Historia Natural da USC e NUMAX, responsable da produción editorial do libro, no que tamén participou o estudio Cenlitros, a experta en botánica Elena Páez e a fotógrafa Tamara de la Fuente. Actividade de aforo limitado, require de inscrición.
Co Samaín, no tempo outonizo das ánimas, saíu do prelo Los ojos de los árboles, obra creada grazas a unha axuda Leonardo da Fundación BBVA, que se presentará publicamente o sábado día 16 de novembro de 2024 cunha iniciativa cultural e artística en colaboración con NUMAX, responsable da produción editorial do libro, e o Museo de Historia Natural da USC. Unha presentación singular que axunta dispositivos da acción pictórica, a lectura de poemas e un paseo pola natureza e procura unha audiencia o máis diversa posible, cunha convocatoria especial do público infantil (idealmente, entre os tres e os seis anos, co acompañamento de pais e nais). O punto de encontro será, ás 10:30 h, no histórico Hotel Suízo (Rúa Cardenal Payá, 18) —actualmente, sede do Laboratorio NUMAX—, que noutrora hospedou o escritor Ernest Hemingway, a fotógrafa Ruth Mathilda Anderson ou o pedagogo Francisco Giner de los Ríos. Ao abeiro desta tradición de acollemento cultural, convidouse os artistas Cristina Lucas e Fernando Sánchez Castillo para facer unha acción pictórica na que intervirán dous exemplares da obra Los ojos de los árboles ilustrando cadansúa especie botánica (unha oliveira e unha milgranda, respectivamente).
Antes, tras unha presentación do proxecto, repartiranse gratuitamente exemplares do libro e set de carbóns de debuxo. Estes exemplares de Los ojos de los árboles teñen unha feitura artesanal, pois todos eles conteñen unha folla prensada na cuberta, en alusión ao xénero botánico do herbario co que empata o libro, e mais un caderno de campo, nas páxinas finais, no que cadaquén poderá tomar as súas notas, debuxar ou, se callar, simplemente gozar do seu espazo en branco. Deseguido, farase un paseo desde a Alameda a Vista Alegre, pasando polo Parque de Galeras. A última escala será no Museo de Historia Natural da USC, onde Cristina Lucas e Fernando Sánchez Castillo executarían a súa intervención carboncillo vexetal. A escolla do material atende ás investigacións de Lucas sobre materiais pictóricos e a súa conexión coa vida das árbores. A suxestión de Sánchez Castillo, as persoas asistentes, público infantil incluído, serán convidados a recolleren durante o paseo calquera vestixio natural (follas de árbores, garabullos…) que queiran incluír nos seus cadernos de campo e/ou pintaren despois do natural no espazo do Museo de Historia Natural. María do Cebreiro pechará a actividade dando lectura a varios poemas de Los ojos de los árboles.
A actividade ten aforo limitado. Quen desexe participar ten que inscribirsepreviamente no formulario https://i.gal/arbores. A actividade ten unha duración aproximada de 3 horas.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
As margaridas
VOSE
-
-
Saturno
VO
-
-
Bird
VOSG